marco
Compostela, 18/9/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
O galego na docencia “non está ao nivel do comprometido ao ratificar estes tratados internacionais”

A Mesa denuncia a vulneración dos acordos internacionais que protexen o galego

“Queremos que o pobo galego saiba que aquí se están a vulnerar tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos”. Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e recentemente nomeado en Gdansk (Polonia) presidente do Comité do Estado español da Axencia Europea para as Linguas Minorizadas (EBLUL), vén de explicar cales van ser as liñas de traballo da organización dentro desta axencia europea: non só manter un labor de interlocución máis intenso con diferentes organismos internacionais sobre as vulneracións de dereitos lingüísticos que se cometen en Galiza, senón tamén informar aos propios cidadáns de cales son estes dereitos.

A EBLUL (siglas que se corresponden co seu nome en inglés, European Bureau for Lesser-Used Languages) é un organismo recoñecido como consultivo pola ONU, o Parlamento Europeo e o Consello de Europa.

A Mesa mantén unha liña de acción de asesoramento ao Comité de Expertos do Consello de Europa que vixía o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM). Este labor verase reforzado nos tres anos que dura o mandato presidencial do Comité de Estado do EBLUL.

Carlos Callón anunciou que se vai desenvolver un “traballo contra as actitudes de racismo lingüístico e xenofobia que están repuntando en Europa, con discursos a nivel do Estado como o do Partido Popular, que considera que hai linguas de primeira e de segunda, linguas que poden ser usadas con normalidade e linguas que non”.

Outro dos obxectivos da EBLUL para os vindeiros anos é conseguir que a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, elaborada e asinada por organizacións non gobernamentais en Barcelona en 1996 entre as que se atopaba A Mesa, sexa recoñecida por unha resolución da ONU. Mantivéronse reunións con embaixadores e embaixadoras, coa esperanza de que poida haber resultados concretos antes de que finalice o ano 2008.

Esta Declaración, que foi aprobada polo Congreso dos Deputados por unanimidade, tampouco se está a cumprir en Galiza, tal e como indicou Carlos Callón. “Aquí están a vulnerarse tratados internacionais, e non se trata só dos datos da Mesa e outras organizacións galegas, tamén existen denuncias reiteradas polo propio Consello de Europa”.

Callón sinalou que o Comité de Expertos deste organismo considera que en Galiza non se está a aplicar a Carta Europea das Linguas en eidos como o do ensino, non só por parte do Estado español senón do propio Goberno galego; na atención ao público, na existencia de formularios e webs públicas en galego, especialmente por parte da administración do Estado, e no eido da Xustiza, onde recordou que “tan só o 8% das sentenzas están en galego”.

“Especialmente grave é o relativo á educación, onde xa o Consello de Europa indicou que no caso galego o Estado non está ao nivel dos compromisos adquiridos ao ratificar a Carta Europea das Linguas”, lembrou o presidente da Mesa.

Callón tamén apuntou que ao asinar a Carta Europea das Linguas o Estado español se comprometeu a facilitar a recepción das televisións e radios portuguesas en Galiza, algo que até o de agora non é posíbel. O presidente da Mesa sinalou que “no tocante ao relacionamento con Portugal, estamos practicamente ao mesmo nivel de Murcia, porén moi por debaixo dunha comunidade como Extremadura, que non ten coma nós unha ponte como é a da lingua”.