CIG-Ensino denuncia ademais que a consellaría tampouco coloca a todos os funcionarios/as en prácticas, é dicir, non teñen centro de traballo ou outórgalles praza que non é da súa especialidade.
Este importante recorte constátase en que máis de 50 centros viron recortados os cadros de persoal que tiñan asignado respecto do curso pasado e a consellaría négase a cubrir prazas imprescindíbeis solicitadas polos centros. Xunto a isto asígnanse destinos nos que o profesorado ten que impartir ademais da súa materia 1, 2 ou 3 materias que non son da súa especialidade. A modo de exemplo desde a CIG-Ensino explican que “temos perfís tan disparatados como os que van a seguir: Filosofía coas afíns Informática e Economía; Latín con Francés e Música; Música con Latín e Informática; Música con Bioloxía e Informática; Educación Física con Música e Debuxo…”
Esta política educativa de restrición de profesorado provoca que haxa aulas cunha rateo superior ao estabelecido legalmente ao non contar os repetidores para estabelecer os grupos; que non se poidan levar a cabo desdobres; que os centros non poidan executar programas previstos para reducir o fracaso escolar e que non existan apoios educativos nin se leven a cabo Programas de Diversificación Curricular.
CIG-Ensino anuncia ademais que as mobilizacións continuarán até que a Administración recoloque a este profesorado e dea unha solución a estes problemas. Por iso ten tamén solicitado a reunión da Mesa Sectorial docente non Universitaria e unha entrevista coa Conselleira.