marco
Compostela, 19/2/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Fai unha valoración positiva porque mellora substancialmente as condicións laborais

A CIG-Ensino asina o acordo de profesorado itinerante

CIG-Ensino, Consellaría e demais organizacións sindicais asinaron, o luns 18 de febreiro, un acordo para o profesorado itinerante polo que se melloran substancialmente as súas condicións laborais, satisfacendo ademais as reivindicacións polas que tanto a Federación de Ensino da CIG como o profesorado se viñan mobilizando nos últimos anos.
A CIG puxo en coñecemento da Inspección as ameazas recibidas por algúns traballadores, o atraso nalgunhas mensualidades, o exceso nas xornadas de traballo, o traslado irregular de seis empregados a Barcelona e o de outro a Pontevedra. Sen embargo a Inspección, por medio do inspector Francisco Javier Fernández Travieso, exculpa sistematicamente a empresa e ignora todas estas irregularidades. (Foto: Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino asina o acordo sobre as condicións de traballo do profesorado itinerante. ©galizacig.com 18/02/2008).

Valoración de CIG-Ensino

«O día 18 de febreiro, a CIG-Ensino, a Consellaría e as demais organizacións sindicais asinaron o acordo de profesorado itinerante (profesorado que exerce o seu traballo en máis dun centro) que mellora notabelmente as súas condicións laborais. Desde a CIG-Ensino, facemos unha valoración positiva porque regula e mellora substancialmente as condicións de traballo deste profesorado que é o que está en situación máis precaria. Satisfai a maioría das reivindicacións polas que a CIG-Ensino e o profesorado afectado nos vimos mobilizando desde hai moitos anos.

Desde a CIG-Ensino, pretendemos que este profesorado sexa o máis reducido posíbel, xa que temos como obxectivo ampliar ao máximo os cadros de persoal nos centros. O acordo, entre outras cuestións, vai garantir que a adxudicación deste tipo de prazas sexa voluntaria e non forzosa. Recolle, así mesmo, reducións horarias lectivas segundo os quilómetros que o profesorado teña que percorrer á semana. Se percorre até 50 quilómetros, seranlle reducidas 2 horas; de 51 até 100, 3 horas; entre 101 e 150, 4 horas e se supera os 150 quilómetros, 5 horas. O acordo tamén limita en 250 quilómetros, como máximo, a distancia a que se pode desprazar un/unha profesor/a semanalmente e non superará os 35 quilómetros a distancia entre o centro de destino e os centros aos que se ten que trasladar. Tamén recolle as compensacións económicas por desprazamentos, medidas de protección da saúde como por exemplo que as embarazadas de máis de 5 meses non teñan que itinerar, etc. Igualmente, valoramos positivamente que o acordo para efectos económicos sexa aplicado desde o 1 de setembro de 2007. Agora, é a Consellaría a que ten que realizar as xestión pertinentes para executar o acordo nos centros.