O conflito iniciouse cando o anterior Goberno municipal denunciara o acordo laboral vixente e presentara unha proposta que fora unanimemente rexeitada polo persoal e polos seus representantes (CIG e UGT) por entender que significaba un retroceso.
A sección sindical da CIG asegura que o anterior Executivo municipal decidiu cambiar “unilateralmente” os criterios de pagamento da produtividade, modificar sen negociación previa o horario de persoal e adoptar “unha política de confrontación permanente” coa representación sindical, “coa que só contaba cando era legalmente imprescindíbel”.
A CIG do Concello de As Pontes considera que o anterior Goberno local represaliou os traballadores destituíndo das súas funcións ao anterior vicepresidente da Xunta de Persoal, incumprindo os acordos de equiparación salarial, “secuestrando ordenadores de traballadores con precinto dos discos duros sen orde xudicial”, distribuíndo “clientelarmente” a produtividade, realizando políticas de contratación “que forzaban as posibilidades legais existentes” ou mantendo “sen reparos” a precariedade laboral e as desigualdades de xénero. Estas medidas foron contrarrestadas polos traballadores con mobilizacións do máis diverso que incluíron peches na Casa Consistorial e manifestacións.
Ademais, a sección sindical da central nacionalista acusou o anterior Goberno municipal e a dirección local do BNG de difamar os traballadores e os seus representantes e de artellar, ademais, unha campaña para os desacreditar: “O anterior alcalde chegara a utilizar a televisión local para desprestixiar o persoal expoñendo publicamente que recibía queixas polas ausencias dos funcionarios dos seus postos en horario laboral”.
Malia estas presións, a sección sindical da CIG logrou conseguir uns excelentes resultados nas eleccións do persoal ao obter 11 dos 14 representantes. “Desgrazadamente, tivemos que esperar a que as eleccións municipais cambiasen a correlación de forzas do Concello para poder chegar ao actual acordo”, manifestan desde a CIG do Concello pontés.