Para a CIG-Ensino é inaceptábel que despois de que o 78,5% do profesorado reclamase o restabelecemento da xornada lectiva reducida durante os meses de xuño e setembro -que sempre funcionou con total normalidade-, a Consellaría, máis unha vez, desprezara a opinión maioritaria do profesorado, malia ser, este tipo de xornada, a máis acaída para estas datas e a que está en vixencia nas diferentes administracións educativas do Estado.
A CIG-Ensino lembra que a existencia dunha xornada reducida nos meses de xuño e setembro foi considerada desde sempre a xornada máis axeitada para o alumnado e así se vén recollendo ao longo dos anos. “Debemos saber que o ensino de Infantil e de Primaria en Galiza ten, na actualidade, un horario lectivo, para o alumnado e para o profesorado, superior aos países do noso contorno e que é o tipo de xornada reducida maioritaria noutros territorios do Estado”, matizan.
A Consellaría de Educación coa súa posición evidencia un total desprezo á demanda maioritaria do profesorado que na consulta realizada pola CIG-Ensino nos centros de EI, EP e CPIs na que o 78,55% do profesorado de infantil e primaria (8.548 profesores de 10.871 afectados) lle exixía o mantemento da xornada reducida de 4 horas durante os meses de xuño e setembro.
Resulta, tamén, inxustificábel a actitude antidemocrática de ANPE, CCOO e UGT que apoiaron explicitamente a posición da Consellaría en contra da decisión maioritaria do profesorado.
A CIG-Ensino fixo entrega dun escrito dirixido á Consellaría para que restabeleza a xornada de xuño e setembro para o vindeiro curso.
ESCRITO ENTREGADO Á CONSELLARÍA:
Sra. Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria:
Logo da entrega de máis de 8.000 sinaturas, de 19 concentracións, manifestacións, folga do 3 de maio e outras accións levadas a cabo desde marzo do curso pasado, é evidente o rexeitamento do profesorado á imposición, por parte da Consellaría, dun calendario escolar que, ignorando criterios pedagóxicos ou de calidade do ensino, eliminou un modelo de xornada que se viña aplicando até agora. A CIG-ENSINO, coñecedora de que o profesorado non consente o tipo de xornada imposto, pretendeu, en diferentes ocasións, abrir vías de negociación para darlle unha saída satisfactoria a este conflito.
A CIG-ENSINO, por se quedaban dúbidas sobre cal era a opinión do conxunto dos docentes sobre o tipo de xornada que debía estabelecerse nos meses de xuño e setembro, realizou unha CONSULTA ao profesorado dos centros que viñan tendo até o de agora xornada reducida. A consulta mediante sinaturas, que lle achegamos por rexistro, o día 20 de xuño de 2007, deu como resultado, tendo en conta os postos de traballo docentes dos centros públicos dos niveis de E. Infantil, Primaria e Educación Especial, publicados no DOG do 21 de xullo de 2006, que o 78,6% do profesorado afectado exixe o restabelecemento da xornada reducida, reclamando:
“que todos os sindicatos, con representación no ensino público, exixan da Consellaría de Educación o mantemento da xornada continua reducida de 4 horas nos seguintes centros: Escolas de Educación Infantil, Centros Rurais Agrupados, Colexios de Educación Primaria, Colexios de Educación Infantil e Primaria, Centros de Educación Especial e Centros Integrados, e, en consecuencia, que non asinen ningunha proposta que liquide este tipo de xornada que viñamos tendo o profesorado e o alumnado até o de agora. Ao mesmo tempo, exiximos da Consellaría que, despois da folga masiva, levada a cabo polo profesorado, o pasado día 3 de maio, restabeleza para os meses de setembro a xuño do curso vindeiro o tipo de xornada que está en vixencia até este momento”.
Pois ben, malia a constatación da vontade moi maioritaria do profesorado, vostede segue a propor un calendario para o curso 2008/2009 no que non está disposta a rectificar para restabelecer a xornada matinal reducida de 4 horas durante os meses de xuño e setembro, que viña funcionando con toda normalidade até que a Consellaría, co acordo dos outros sindicatos, suprimiu o curso pasado, o que amosa, máis unha vez, unha total desconsideración co profesorado.
A CIG-Ensino non vai estar disposta a aceptar esta imposición e continuará coas mobilizacións até que a Consellaría restabeleza a xornada única continuada e reducida durante os meses de xuño e setembro.
Un cordial saúdo,
Anxo Louzao Rodríguez
Secretario Nacional da CIG-Ensino