Dende o verán pasado até a data de hoxe, as costas de Galiza están sendo tomadas polos narcotraficantes e súas potentes planadoras, sen que se tomen as medidas necesarias por parte dos responsábeis do Servizo de Vixilancia Aduaneira, incluída a nova directora, que xa leva o tempo suficiente no posto como para coñecer a situación que se vive e adoptar as medidas oportunas.
CIG-Axencia Tributaria, hai semanas, xa denunciara publicamente que, en tres das seis bases marítimas do S.V.A. no país, as embarcacións sobrepasan os 24 anos de antigüidade e o helicóptero da zona norte tan só dispón de dúas horas de autonomía. Ademais, o escáner do Porto de Vigo para o control de entrada de mercadorías prohibidas leva un ano instalado sen que, até o momento, se puxese en marcha.
Dende a CIG-Axencia Tributaria levamos anos denunciando esta falta de medios e non podemos entender que intereses poden existir para que unha zona tan utilizada por narcotraficantes para as súas descargas e transporte de droga a outros lugares de Europa estea tan desprovista de medios. Vai sendo hora de que a nova directora do S.V.A. deixe de escoitar os cantos de serea dos funcionarios acomodados en despachos de Madrid, ignorantes absolutos da realidade das costas galegas, e tome as decisións oportunas dotando as bases galegas dos recursos necesarios para poder afrontar, cun mínimo de garantías, a loita contra o narcotráfico, tal como demanda a sociedade.
Incremento notábel dos desembarcos de droga
En xuño de 2007 aparecía abandonada tras unha persecución por funcionarios do S.V.A. unha planadora de 17 metros de eslora, con cinco potentes motores de 300 cabalos cada unha, nas inmediacións do porto do Freixo, Muros. En novembro dese ano, unha planadora semirríxida con 2 motores de 250 cabalos foi abandonada nunha praia do Cabo Udra, en Bueu, con 96 fardos de cocaína, e unha segunda de similares características varou cerca de Porto Meloxo, O Grove. Por esas datas tamén apareceu unha planadora afundida fronte ás costas de Baiona.
En febreiro de 2008 encontrouse unha planadora queimada na praia de Espiñeiro, na Ila de Arousa, con tres motores de 300 cabalos cada unha. Hai escasos días apareceu varada na praia da Lanzada unha das máis potentes planadoras usada para o transporte de droga, cunha eslora de 18 metros e seis potentes motores, tras tirar ao mar a cocaína que transportaba.
Dende decembro do 2005 a xaneiro do 2006 confiscáronse por funcionarios do S.V.A. cinco embarcacións dedicadas ao transporte de estupefacientes.
Poderiamos seguir contando aprehensións de droga e de embarcacións que o S.V.A. realiza en Galiza, pero estas poderían ser dez veces máis se se contara cos medios humanos e materiais necesarios para unha loita eficaz contra o narcotráfico.