A lista presentada pola CIG contaba con 50 candidatos/as e obtivo 261 votos, a de CCOO 96 e a de UGT 31 votos. Dun censo de 612 persoas votaron 402 e ademais dos votos atribuíbles ás candidaturas presentadas houbo 5 nulos e 9 brancos.
Desde que no pasado mes de decembro se celebraran as últimas eleccións parciais, nas que a CIG tivo un apoio maioritario, este sindicato sufriu despedimentos de delegadas e candidatas nunha vaga represiva por parte da empresa.
Vontade democrática das traballadoras/es
Nin as manobras de última hora entre a empresa e CCOO, tratando de negociar acordos excluíndo ao resto da representación sindical en pleno proceso electoral, nin a presión da empresa, nin sequera o voto masivo do persoal de alta dirección, conseguiron vencer a vontade democrática dos traballadores e as traballadoras de Bosch en Vigo.
Dende a Sección Sindical da CIG en Bosch, agardan que "este resultado faga reflexionar á Dirección da empresa en Madrid, tomen boa nota e respecten o resultado saído das urnas". Polo momento, xa solicitaron a empresa que deixe sen efecto un acordo ilegal en materia de horarios asinado entre CCOO e Recursos Humanos, que comezou a aplicarse, casualmente, o 1 de outubro.
Agradecemento do masivo apoio
En todo caso, dende a Sección Sindical da CIG agradecen o apoio a todas aquelas traballadoras e traballadores que novamente depositaron a súa confianza neste sindicato, e reiteran o seu firme propósito de seguir adiante traballando para mellorar as condicións laborais de todos e todas. Ao tempo, queren ter un especial recordo para aquelas compañeiras e compañeiros represaliados pola empresa e agradecer a súa contribución neste proceso mentres permaneceron na mesma.