marco
Vigo, 2/10/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Inspección de Traballo emitiu un informe favorábel ao respecto

O Comité de Empresa de Asientos critica á Consellaria de Traballo pola aprobación dun ERE para o 3, 10, 24 e 31 de outubro

En referencia ao ERE solicitado por Asientos de Galicia SL (Faurecia), que afecta a 99 traballadores da Liña 2 (C4 Picasso e Xsara Picasso) para os días 3, 10, 24 e 31 de outubro de 2008, e sendo aprobado pola Consellaria de Traballo o 29 de setembro de 2008, o Comité de Empresa desta factoría amosou, a través dun comunicado de prensa, o seu "total desacordo" coa actuación da Autoridade Laboral, por aprobar este informe, asi como criticou a emisión dun informe favorábel na aprobación deste ERE da Inspección de Traballo.

O Comité de empresa manifestaba asi o seu "total desacordo coa actuación da Inspección de Traballo na mediación do ERE e co informe favorábel que ditou a Inspección de Traballo, en relación á aprobación do mesmo".

Ademais, engaden neste comunicado que "non podemos entender como a Autoridade Laboral competente aproba un ERE a Asientos de Galicia S.L (Faurecia), que se sufraga co diñeiro público dada a situación de bonanza económica da empresa, segundo se pode ver no Balance Económico do 2007, que emite a empresa con beneficios, despois de pagar impostos superiores a nove millóns de euros".

Non hai falta de traballo

Estes traballadores da automoción subliñan que "estes 4 días aprobados no ERE non se deben á falta de traballo en Asientos de Galicia S.L., senón a unha situación de adecuación da xornada do noso cliente PSA, xa que mesmo algúns destes dias do ERE a quenda da noite de Asientos de Galicia S.L. si traballa".

Néganse a negociar unha bolsa de horas

Por último, remata o Comité de empresa sinalando que "habendo antecedentes de anos anteriores, o Comité de Empresa para evitar calquera ERE no futuro propuxo á Dirección de Asientos de Galicia S.L negociar unha "bolsa de horas", como utiliza o noso cliente PSA, co obxecto de evitar calquera tipo de medida traumática, sendo a Autoridade Laboral testemuña do que manifestamos, negándose a empresa a calquera acordo en canto á devandita bolsa de horas; ademais sabendo que Asientos de Galicia é unha empresa "just in time", cunha xornada máxima anual de 1758 horas".