Esta non é a única queixa recibida na Mesa contra a discriminación do galego en Carrefour. Fran Rei, membro da directiva nacional da asociación cívica, sinalou que unha cidadá tamén denunciou que lle devolveron un escrito presentado nun centro de Pontevedra dicíndolle que, se quería ser atendida, debería redixir o mesmo en castelán.
“Aínda que estes dous casos que hoxe presentamos aquí se dean no ámbito privado, isto non significa que non estean suxeitos ao cumprimento das leis e o respecto dos dereitos dos cidadáns”, explicou Fran Rei. “Segundo a lexislación vixente, a discriminación por cuestión de lingua está penada”, engadiu Carlos Callón. O presidente da Mesa explicou que “na asociación temos limitacións humanas e económicas para coñecer todas as discriminacións e sabemos que as que nos chegan a nós son só a punta do iceberg, e aínda así nos últimos dous anos levamos rexistrados corenta casos de mobbing lingüístico”. Nalgunhas ocasións, este tipo de acoso mesmo pode chegar ao despido, como xa ten denunciado A Mesa.
Carlos Callón pediulle a Carrefour que tome medidas para solucionar esta situación, e dirixiuse tamén á Secretaría Xeral de Política Lingüística, “que ten que deixar de ser a vela adormecida da Xunta de Galiza”, e á Consellaría de Traballo, “que debe pór en marcha un plan contra a discriminación lingüística no traballo, dándolle así cumprimento a varios acordos parlamentares”. Segundo o presidente da Mesa, “o que non pode continuar a ser é que non haxa igualdade de oportunidades segundo fales galego ou castelán”.