marco
A Coruña, 20/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A medida contravén o estipulado no convenio subscrito entre Concello e Ministerio de Fomento

A CIG dubida da legalidade da modificación dos usos dos terreos do Peirao de Batería en A Coruña

A CIG e a sección sindical do sindicato na Autoridade Portuaria de A Coruña dubidan da legalidade da modificación dos usos dos terreos do Peirao de Batería, que hai dous días aprobou inicialmente o Consello de Administración do ente portuario, para a súa desafectación posterior a falta da autorización final do Ministerio de Fomento.
Paulo Carril, no centro da imaxe, acompañado dos membros da sección sindical da CIG na Autoridade Portuaria de A Coruña.

Tanto a Unión Comarcal da CIG como a sección sindical da central na Autoridade Portuaria presentaron no seu momento alegacións no proceso de información pública de modificación do Plan de Utilización dos Espazos Portuarios do Peirao de Batería.

O Consello de Administración do porto aprobou esta modificación inicial o 18 de xuño, sen antes responder as alegacións presentadas pola central. Ademais, non se cumpriron determinados trámites recollidos na Lei 48/2003, como os informes das diferentes administracións chamadas a informar no proceso administrativo.

A CIG entende que a modificación do Plan de Utilización dos Espazos Portuarios no Peirao de Batería do uso actual portuario comercial polivalente a uso terciario, equipamento e complementario, se propón cando as novas instalacións portuarias en Punta Langosteira están aínda en construción, cuxa finalización está prevista en 2012.

O cambio de uso dos terreos de Batería contravén o convenio subscrito entre o Concello de A Coruña e o Ministerio de Fomento para a posterior desafectación dos terreos portuarios con vistas ao financiamento do porto exterior. Dito convenio estabelece que a desafectación dos terreos dos peiraos só poderá ser efectiva a partir do momento en que as obras e instalacións da dársena exterior rematen e estean en condicións de operar os tráficos que se prevé desprazar.

A modificación prevista dos usos do Peirao de Batería representa o inicio da desafectación das actuais instalacións portuarias e constitúe unha inxustiza e unha discriminación para os coruñeses, ao termos que financiar co noso patrimonio o porto exterior. Este proxecto, pola contra, debería ser sufragado integramente polas aportacións dos fondos da Administración Xeral do Estado e da Unión Europea, como acontece na construción doutras dársenas destas características noutros puntos do Estado español.

O traslado dos operadores actuais do porto de A Coruña ás novas instalacións de Punta Langosteira nun horizonte temporal de poucos anos constata a inoportunidade da modificación dos usos do Peirao de Batería. Ademais, descoñécense os tráficos que se prevé desprazar ás novas instalacións e se vai servir a dársena exterior para a diversificación e captación de novos tráficos.

A CIG entende que a modificación dos usos de Batería desvinculada do proceso de definición e aprobación planeamento urbanístico xeral da cidade, actualmente en fase de presentación de proxecto (Plan Busquets), constitúe unha grande irresponsabilidade, só entendíbel desde un afán desmedido de especulación urbanística da actividade portuaria.

Por outra banda, a sección sindical da CIG na Autoridade Portuaria desminte que o tinglado que hai no Peirao de Baterías sexa para usos dun tráfico que tenda a desaparecer, posto que nel se almacenan madeira e derivados do aceiro.

A CIG-Autoridade Portuaria de A Coruña indica que a reubicación das empresas Tudela Veguín S.A. e Alcoa Inespal S.A., ademais do tinglado anteriormente mencionado (os tres situados actualmente en Batería) cara outra zona do porto suporía a destrución dun dos edificios de talleres, cuxa eliminación afectaría directamente aos traballadores do ente portuario.

A CIG esixe a Macario Fernández Alonso que aclare se a desafectación do Peirao de Batería vai reportar cartos á Autoridade Portuaria ou non, pois o presidente do porto chegou a manifestar en reunións internas que dita operación non reportaría beneficios ao ente, pois ditos terreos serían ocupados por edificios públicos.

Política Territorial bloquea o nomeamento do vogal da CIG no porto

A CIG tamén denunciou o bloqueo que mantén a Consellaría de Política Territorial para o nomeamento do vogal do sindicato no Consello de Administración da Autoridade Portuaria de A Coruña, nomeamento que lle corresponde á CIG en virtude dos resultados das eleccións sindicais celebradas o ano pasado entre os traballadores do porto.

A este respecto, a CIG emprenderá accións xudiciais contra UGT (sindicato que ocupa ilegalmente o posto de vogal no Consello en representación da parte social), contra a Autoridade Portuaria e contra a Consellaría de Política Territorial.

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela
Contacta por correo en cig.prensa@galizacig.com
Fontes RSS Logotipo fontes RSS