marco
Compostela, 20/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Reclamou a convocatoria da mesa Sectorial atendendo os resultados das eleccións sindicais

A CIG-Ensino exixe que se creen máis departamentos de orientación e que se doten os centros con máis profesorado

Na Mesa Sectorial de Educación celebrada este venres 20 de xuño, debatéronse, entre outros, os cadros de persoal dos centros educativos e os currículos de Técnicos en balonmán, baloncesto e atletismo. Nesta xuntanza a CIG-Ensino denunciou a falta de seriedade institucional coa que se está a desenvolver e cualificou de “inadmisíbel” que en numerosas ocasións xa, non estea presidida polo seu presidente, que non se dea resposta ás cuestión presentadas, que se realicen cambios na orde do día ou que as actas estean sen aprobar de hai meses.

A CIG reclamou que se convoque debidamente e de acordo cos resultados electorais que se proclamaron hai xa ano e medio, de tal maneira que participen na negociación as organizacións ás que lle corresponde e de acordo con eses resultados. Xunto a iso, denunciou que en todo o curso non se teña aprobado un calendario de temas a negociar e que non pasasen pola Mesa temas como: oferta de Bacharelato (supresión do Bacharelato no IES Monte de Conxo), Orde de Comedores, Orde que regula subvencións aos Concellos para a apertura de centros escolares...

Modificacións nos cadros de persoal dos centros de Infantil e Primaria

As proposta da Consellaría, no conxunto de Galiza, supoñen a supresión de 13 unidades de Primaria e 30 de ESO, creándose 31 unidades de Infantil. En canto aos postos de traballo -créanse 119 en todo o país-, as creacións prodúcense fundamentalmente en orientación, con 21 novos Departamentos de Orientación e 20 postos de Orientación a compartir, así como 20 postos de Pedagoxía Terapéutica e 7 de Audición e Linguaxe. Porén estas cifras son insuficientes para atender debidamente as necesidades de orientación dos centros escolares, e cómpre incrementar esta dotación.

A CIG esixiu que se creen Departamentos de Orientación completos en 39 centros que reúnen os requisitos segundo o Acordo de 8 de xuño de 2007, subscrito pola CIG-Ensino, para a modificación dos cadros de persoal xa que, neste momento, só se lles vai dotar dun orientador compartido.

A CIG-Ensino tamén fixo fincapé en que se creen as unidades que veñen funcionando de maneira provisional desde hai tempo, de tal maneira que os centros figuren coas unidades reais e tamén sexan dotados de profesorado de acordo coas necesidades reais de unidades e alumnado.

Ao tempo incidiu na necesidade de dar cumprimento ao recollido no acordo de 8 de xuño, prioritariamente naqueles centros que, aínda a data de hoxe, ao non contar con todo o profesorado que lles corresponden, non poden aplicar o horario que está en vigor neste momento.

Reclamou ademais que se dote aos centros co profesorado suficiente, para poder dar unha atención educativa adecuada, e que as supresións de unidades non deben conlevar a supresión de profesorado. Xunto a iso, denunciou que non houbo a oportunidade de revisar a proposta de supresións unha a unha nas Xuntas de Persoal, de maneira que se evitasen supresións inxustificadas.

Na Mesa tamén se trataron os currículos das ensinanzas de Técnicos Deportivos e Técnicos Deportivos Superiores en Baloncesto, Balonmán e Atletismo. Un debate no que a CIG-Ensino esixiu que as rateos establecidas para estas ensinanzas sexan de 30 alumnos por aula e non 35, que se deben especificar cales son as materias de obrigada impartición en galego e que poidan impartir no bloque complementario o profesorado de informática e de inglés.