marco
Compostela, 20/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
CIG-Ensino continuará a defender a súa reforma

Apróbase o decreto de bacharelato sen corrixir as súas deficiencias e sometido aos ditados da cúpula eclesiástica

O Consello da Xunta aprobou o Decreto de Bacharelato no Consello da Xunta sen proceder a rectificar as graves carencias que posúe e mesmo os seus erros manifestos, que obrigarán en breve a ter que modificar o seu contido, que foi froito de atender as presións de intereses alleos ao ensino, como é o caso da xerarquía da igrexa, no canto de escoitar as demandas da comunidade educativa.

“Galiza vai ser a Comunidade peor parada” asegura a CIG-Ensino, “en canto aos contidos do currículo, baixando a carga horaria en materias fundamentais para a formación do alumnado (historia e Filosofía), en cambio, é unha das que máis favorece ao adoutrinamento relixioso que mesmo chega até un curso ponte coa universidade como é 2º, cousa que nin nos peores tempos do franquismo ocorrera co seu nivel equivalente”.

Desvalorízase así unha etapa clave no sistema educativo, sacrificada en beneficio do uso electoralista de microasignaturas baleiras pero de nome pomposo e a un proceso de involución na cuestión relixiosa que cada día é mais alarmante desde que a Consellaría de Educación está en mans de quen a ten nestes momentos, con decisións progresivas a prol de beneficiar a unha determinada confesión.

“Parécenos unha chapuza”, di CIG-Ensino, que se aprobe un decreto que derroga a orde das optativas que ofertarán os centros e que nestes momentos teñen aberto o seu prazo de preinscrición, “cando aínda non se coñece cal vai ser a nova orde que o substituirá coas optativas que se van ofertar para poder matricularse o alumnado”.

Contrasta isto co feito de que o Decreto de Educación Infantil, o cal superou todos os trámites e si conta co consenso da comunidade educativa, tendo comezado moito antes o seu percorrido, leve meses na gabeta do presidente da Xunta, causando graves trastornos á planificación educativa e ao traballo didáctico, tendo en conta que o vindeiro ano entrará en vigor. Este obstrucionismo nunha norma fundamental e demandada pola comunidade educativa só pode obedecer a irresponsabilidade dun presidente da Xunta despreocupado polo ensino do noso país.

A CIG-Ensino non dá por pechado con este trámite a súa loita por un bacharelato máis compensado, laico e de calidade, co cal continuará a defender a reforma desta norma e que o encaixe da relixión non obrigue a reducir a carga horaria de materiais esencias.