marco
Compostela, 20/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Peregrinan reivindicando unhas mellores condicións laborais

As traballadoras e traballadores do 112 inician as mobilizacións en demanda dun traballo digno

As traballadoras e traballadores do servizo de atención a emerxencias, máis coñecido como 112, iniciaron na mañá deste xoves 19 de xuño, as mobilizacións, logo de varias semanas desenvolvendo unha campaña informativa por toda Galiza que tiña como obxectivo dar a coñecer a súa situación laboral e recoller sinaturas de apoio. A súa foi unha peregrinación desde Protección Civil até San Caetano, en demanda de ser escoitadas/os tamén pola administración.

Traballadores e traballadoras do 112 concentrábanse ás 12 da mañá diante da Dirección Xeral de Protección Civil, no Polígono das Fontiñas, en Compostela, e iniciaban unha marcha até a Xunta de Galiza en San Caetano.

Ao chegar ao edificio administrativo concentráronse novamente, primeiro diante da entrada principal, onde dúas delegadas de persoal entregaron, no Rexistro Xeral, unha solicitude dirixida ao Conselleiro de Presidencia, Xosé Luis Mendez Romeu. Un escrito no que se demanda unha reunión urxente para que o conselleiro se posicione sobre este tema.

A partir de aí dirixíronse até a rotonda de San Caetano que rodearon con pancartas reivindicativas. Á espera da contestación de Méndez Romeu, de momento xa conseguiron o apoio da estatua do peregrino, que tivo a ben sumarse ás reivindicacións das traballadoras e traballadores vestindo unha camiseta na que se demanda unha solución para o 112. Alí permaneceron até as dúas da tarde repartindo folletos informativos e recollendo máis sinaturas de apoio.

Con esta xornada inicianse as mobilizacións, que non remataran até que se asine un acordo que poña fin defintivamente a este conflito laboral. Até o de agora, desde hai dous meses, as accións de protesta estaban centradas en dar a coñecer a situación do 112 á cidadanía galega, potenciais usuarios e usuarias do servizo. Até este momento colocáronse máis de 150 pancartas por todo o país e recolléronse sinaturas en varias cidades e vilas galegas destacando a grande acollida recibida. Estiveron en A Coruña, Lugo, Santiago, Vigo, Ourense, Pontevedra ou Carballo.

A semana pasada unha delegación dos traballadores reuniuse coa empresa MK Plan 21, concesionaria do servizo, aínda que a proposta que presentaron desde a dirección, foi absolutamente insuficiente no apartado económico ao non contar coa totalidade do cadro de persoal. Nesta proposta tampouco se incluían temas importantes como é o traballo nocturno, a xubilación, o plus de emerxencias ou a subrogación do persoal.

Así as cousas, os traballadores e traballadoras continuarán presionando á Admnistración para conseguir que se adapten as condicións laborais do 112 ao que realmente é: un servizo público básico.

Teñen en funcionamento ademais un blog para que todos os interesados/as teñan información puntual de cada unha das mobilizacións que van levando a cabo: 112enloita.blogspot.com

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela
Contacta por correo en cig.prensa@galizacig.com
Fontes RSS Logotipo fontes RSS