marco
Compostela, 20/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Consideran que a administración segue sen atender as súas demandas

Os veterinarios da Xunta de Galiza convocan folga de 24 horas para os días 24 e 25 de xuño

O colectivo de veterinarios da Xunta de Galiza vén de convocar para os días 24 e 25 de xuño xornadas de folga de 24 horas en demanda dunha mellora efectiva dos servizos veterinarios da administración e das súas condicións laborais. Son máis de 600 traballadoras/es que dependen da consellaría de Presidencia, e desenvolven a súa actividade para as consellarías de Sanidade, Medio Rural, Pesca e Medio Ambiente.

A convocatoria de folga prodúcese, segundo explican, porque a Xunta de Galiza leva anos sen atender as súas demandas profesionais. Reivindican unha solución integral á súa problemática profesional de forma dialogada. Por iso, en novembro de 2007, as organizacións sindicais, CIG-Autonómica, CCOO, UGT e CSI-CSIF comunicaron á administración galega a necesidade de iniciar unha negociación pero aseguran que houbo falta de interese da Función Pública, en xeral, e das consellerías para as que traballan, en particular.

Diante desta situación acordaron iniciar mobilizacións para exixir que se aborden os problemas que padecen e que se resumen nunha táboa reivindicativa que xa presentaron á nas dúas xuntanzas que se celebraron e que se resumen en:

  1. Estabilidade laboral. O 60% do colectivo veterinario está en situación de provisionalidade e inestabilidade. Aínda non teñen asignado destino definitivo os funcionarios que superaron o último proceso selectivo convocado no ano 2004 e existen sentenzas xudiciais do TSXG sen executar. Demandan ademais que se garanta a estabilidade ao persoal laboral da Consellería de Medio Rural.
  2. Novas Relacións de Postos de Traballo dos Servizos Veterinarios nas distintas Consellerías con redimensionamento dos cadros de persoal, especialmente, nas de Medio Ambiente e Pesca onde tamén hai competencias veterinarias.
  3. Establecemento da Carreira Profesional Sanitaria.
  4. Concurso de Traslados que non se convocou dende o ano 1994.
  5. Establecemento do nivel 25 como nivel mínimo para todo os postos.
  6. Establecemento dun Complemento Específico que retribuía as especiais condicións de traballo consolidando o que actualmente se está percibindo en concepto de productividade.
  7. Definir e establecer un novo sistema de funcionamento dos servizos de inspección veterinaria que garanta o poder abordar e aplicar con eficacia e eficiencia as novas esixencias do control oficial da normativa comunitaria europea.

Os veterinarios piden a Administración que leve a cabo eses cambios para garantir os cometidos da súa profesión na mellora da seguridade alimentaria e da saúde pública (alimentos de calidade e seguros nos que se garanta a súa trazabilidade, prevención de toxiinfeccións alimentarias e de enfermidades transmisibles entre os animais e o home, como tuberculose, brucelose, encefalopatía esponxiforme bovina, rabia…), da sanidade animal, tanto de animais de granxa coma silvestres, núcleos zoolóxicos, marisqueo e acuicultura (lingua azul, enfermidade de Aujeszky,….), do benestar animal tanto nas explotacións gandeiras coma no transporte dos animais e nos matadoiros, así como nas matanzas domiciliarias; e do medio ambiente con especial atención ao mantemento dos montes galegos con poboacións de animais, mantemento das razas autóctonas en perigo de extinción, fauna silvestre, núcleos zoolóxicos, etc.

En opinión dos veterinarios da Xunta, esta situación compromete o desenvolvemento do seu traballo, que actualmente só está garantido, aseguran, grazas o seu esforzo e profesionalidade. Advirten que a falta de actuación da administración, en relación coa reorganización deste colectivo, podería poñer en risco a seguridade agroalimentaria.

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela
Contacta por correo en cig.prensa@galizacig.com
Fontes RSS Logotipo fontes RSS