marco
A Coruña, 20/8/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
O sindicato esixe a readmisión inmediata dos compañeiros

Celta Prix despide dous candidatos da CIG no Salnés

Celta Prix, empresa concesionaria do servizo de recollida do lixo e da limpeza nos concellos de Meis, Cambados e Vilanova de Arousa, despediu dous traballadores en canto tivo coñecemento de que ían ser candidatos da CIG nas eleccións do persoal. A central nacionalista, que esixe a readmisión inmediata dos compañeiros, denunciou este caso de represión sindical nos xulgados do Social.
Celta Prix.

A CIG do Salnés tamén remitiu cadansúa carta aos alcaldes dos tres concellos para solicitar a súa mediación: “Teñen que pórse en contacto coa dirección da empresa, para que recapacite na súa postura e readmita os traballadores despedidos e os reincorpore os seus postos de traballo, e así normalizar as relacións laborais na empresa, e que o colectivo de traballadores elixa libremente os seus representantes sindicais, sen represalias nin coaccións”, explica na misiva Xoán Xosé Bouzas Aboi, responsábel da CIG-Salnés.

Caso paradigmático de represión sindical

A asemblea de traballadores acordou, no mes de xullo, celebrar eleccións sindicais para escoller o delegado de persoal que lles corresponde de acordo co Estatuto dos Traballadores (Celta Prix conta cun cadro de persoal de 18 empregados nos servizos que presta neses tres concellos). A asemblea decidiu designar dúas persoas, unha como titular e a outra como suplente, para presentárense como candidatas pola CIG.

No momento en que a dirección da empresa tivo constancia destes feitos, despediu primeiro un dos candidatos e, días despois, o outro, aducindo motivos de aptitude “para a adaptación a condicións de traballo máis flexíbeis”. Porén, ambos traballadores xa levaban varios anos prestando os servizos para a empresa e “nunca tiveran ningún tipo de comunicación por parte da dirección en relación co desenvolvemento dos seus postos de traballo”, indica Bouzas Aboi.

Días despois de botar estes operarios e de recoñecer a improcedencia dos seus despedimentos, Celta Prix contrata outras persoas para desempeñar as mesmas tarefas realizadas polos dous empregados represaliados.

Documentos
Celta Prix: carta aos alcaldes.pdf