marco
Vigo, 21/12/2007
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Esta vez, diante do Hospital Xeral Cíes de Vigo

O persoal das contratas do Sergas repite mobilizacións pola equiparación salarial da carreira profesional

Unha nova concentración dos traballadores e traballadoras da limpeza, cociña e mantemento tivo lugar o xoves 20 de decembro desde ás 13:30 horas diante do Hospital Xeral Cíes de Vigo. Os motivos continúan a ser a equiparación salarial e o cobro da carreira profesional.

Máis de cento cincuenta traballadores e traballadoras manifestáronse desta volta diante das oficinas do Hospital Xeral Cíes para reclamar o cumprimento dos convenios. Con moito ruído, os traballadores berraron consignas como “Os nosos convenios son legais”, “dirección, solución” ou “os nosos fillos tamén comen”.

Carreira profesional

Despois de moitos anos de conxelación salarial no Sergas, aparece un concepto chamado carreira profesional, que afecta a todo o persoal fixo. Os traballadores e traballadoras das contratas que traballan para o Sergas e que están equiparadas salarialmente ao persoal do Sergas, por uns convenios asinados polas empresas e os traballadores e traballadoras, víronse afectados por todas as medidas salariais que afectan ao persoal do Sergas.

O conflito xurde no momento de pedir a carreira profesional, porque “nos din que non. Despois de moitos anos de recibir subidas do 0, 1 e 2 por cento dos nosos salarios e coa subida que teñen os produtos de primeira necesidade, que temos que facer? Calar ou alzar as nosas voces para reclamar o que por xustiza nos corresponde?”.

Folga galega

As empresas adxudicatarias e o Sergas négasen a escoitar a este colectivo. Realizaron un envío de cartas e comezaron as mobilizacións, e a única resposta que tiveron foi a acusación de “irresponsabilidade por expor a necesidade dunha folga galega de continuar sen haber ningún tipo de modificación nin diálogo posíbel pola pasividade do Sergas e as empresas”.