O mércores 20 de maio antes das sete da mañá as traballadoras da conserveira Pérez Lafuente en Vilanova de Arousa facían acto de presenza para, nunha nova xornada máis de folga, bloquear a produción da conserveira na demanda de carga de traballo para estas fixas discontinuas, que no que vai de ano levan pouco máis de 20 días traballados.
Antes das oito da mañá aparecían diante desta factoría algúns "esquirois", que, acompañados do xefe, pretendían acceder á fábrica. As traballadoras, facendo unha barreira cos seus corpos, impedían o acceso ao interior, vivindo momentos de tensión. A Guardia Civil fixo acto de presenza pouco despois no lugar dos feitos, e anunciou que non evitaría que as traballadoras bloquearan as entradas "xa que están no seu dereito, e non temos orde da Subdelegación do Goberno que nos diga o contrario".
Agresión e ameazas
Asi, marcharon os "esquirois" e os membros da dirección da empresa pasadas as oito da mañá, fronte á firmeza dunhas traballadoras valentes, que se negan a asumir que despois de traballar "desde os 12 anos nesta empresa, que agora se desfagan de nós, que non traballemos nin un mes en medio ano, e imos demostrar que todas xuntas defendemos o que é noso".
As dez da mañá volvían nun coche o empresario e xefe da empresa, acompañado do xerente, aproveitando que a Guardia Civil marchara do lugar. As traballadoras bloqueaban de novo ás portas para que o xerente, que tamén é empregado, non puidera acceder ao recinto. Empurraron ás mulleres alí presentes, e o xefe botou a mán ao pescozo dunha das piquetes. Ademais ameazou a un traballador da CIG do Salnés, da FGAMT, alí presente, de que "se fai falta tamén te boto a mán ao pescozo a ti", e de futuras agresións contra el.
As mulleres resistiron, apoiáronse unhas noutras, e non se moveron de diante da porta. O patrón de Pérez Lafuente ameazou tamén con que "a empresa vai pechar, e vai ser pola vosa culpa".
A mediodia a traballadora agredida e o traballador da CIG foron presentar denuncias por agresión e ameazas, e souberon que os xefes tamén presentaran denuncias por "empurróns" e por impedir o acceso á fábrica.
Venres, nova xornada de folga
Este venres 23 de maio volverá a haber unha nova xornada de folga. Desde a CIG púxose en coñecemento da Inspección de Traballo e da Delegación de Traballo a grave situación que están a atravesar estas mulleres, e agardan ser chamadas a un acto de conciliación nos próximos días.
As traballadoras continúan con "ánimo, porque sabemos que temos que dar esta loita, que é importante non baixar a cabeza agora, e que temos que estar xuntas e ser fortes".