marco
Compostela, 21/7/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Demandan diálogo do goberno municipal

Folga dos traballadores do concello de Vilariño de Conso

O persoal do concello de Vilariño de Conso vén de convocar unha xornada de folga para este xoves, día 24 de xullo. Demandan do goberno municipal que sente a negociar para facilitar o acordo e asinar un novo convenio colectivo, fixar as bases de contratación do persoal do concello e a Relación de Postos de Traballo. Non é a primeira vez que se mobilizan e, se non hai avances nas negociacións, xa adiantan que tampouco será a última.

Os traballadores municipais do concello de Vilariño de Conso están tratando de negociar o convenio e fixar criterios obxectivos en materia de contratación, como a Relación de Postos de Traballo, o Convenio Colectivo e as Bases de Contratación de Persoal do concello desde principios de ano.

Luís Ferreiro, secretario da Unión Local da CIG de Verín explica que malia o tempo transcorrido non houbo posibilidades de chegar a acordos e que o alcalde “non só non deu importancia aos asuntos que os traballadores e traballadoras veñen propondo senón que, por riba, na actualidade se dedica a restrinxir e bloquear o exercicio dos seus dereitos”.

Como medida de presión, o pasado venres 11 de xullo xa se mobilizaron convocando un paro de tres horas, entre as 12:00 e as 15:00 horas. O obxectivo deste paro, segundo explican era “facernos oír por quen non entende que é preciso dialogar e negociar para arranxar os problemas”.

Por iso, veñen de convocar unha segunda xornada de paro para o próximo día 24. desta volta durante todo o día, para que o grupo de goberno “tome consciencia da importancia do diálogo e a negociación, tanto porque a lei así o impón, como porque é prioritario para o bo funcionamento da institución”.

Advirten de que se non son escoitados endurecerán as mobilizacións para reclamar os seus dereitos. Mobilizacións que, de se produciren, serán responsabilidade dos representantes do goberno municipal.