marco
Vigo, 21/7/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Aclaración diante das novas nos medios

O número total de despedimentos en Bosch afecta xa a perto de cincuenta traballadores e traballadoras

Ante os desmentidos efectuados pola multinacional xermana Bosch relativa aos despedimentos no seu centro de traballo de Vigo, a sección sindical de Bosch da CIG aclara a través dun comunicado de prensa as noticias que apareceron a este respecto nos medios de comunicación nos últimos dias.

En primeiro lugar, a Dirección de Bosch indicoulle verbalmente ao Comité de Empresa o pasado 9 de xullo que procedería a realizar despedimentos masivos.

En ningún momento fixo entrega de documentación ao Comité de Empresa, nin do número de persoas despedidas, nin da relación nin dos criterios para despedir a esas persoas, nin xustificou documentalmente a baixada do volume de chamadas.

Sen información

A día de hoxe o Comité de Empresa continúa sen recibir información relativa a este proceso de despedimentos.

Se a empresa di que informou ao Comité de Empresa, desde a CIG de Bosch sinalan que "a autorizamos para que faga público o documento co recibín asinado polo mesmo, documento que non existe".

En todo caso, para a CIG "a Dirección de Bosch é a máxima responsable da situación actual pola súa prepotencia e o seu desprezo á representación sindical".

Cincuenta persoas despedidas

Na concentración celebrada o 17 de xullo, participaron traballadores e traballadoras despedidas. Aínda continuamos a coñecer novos casos de despedimentos a través das persoas afectadas, polo que o número total de despedimentos neste mes estará próximo ás 50 persoas.

Bosch xustificou os despedimentos ante a prensa e nunha nota interna pola chegada das vacacións. Queda claro que a propia xustificación da empresa tamén é fraudulenta: de ser certa despediría para non darlle vacacións ao persoal.

85% de temporalidade

O Responsábel de Relacións Externas de Bosch recoñeceu que a empresa ten unha taxa de temporalidade do 85%, cando o convenio colectivo dos centros de chamadas obriga no seu artigo 14 obriga a ter un 30% do persoal con contrato indefinido.

A contratación de 700 persoas con contratos de posta a disposición (ETT) recoñecido pola propia empresa pon en evidencia un fraude masivo na contratación.

Neste senso a CIG ten presentadas varias denuncias ante a Inspección de Traballo, estando a espera das súas resolucións, así como un conflito colectivo ante a Audiencia Nacional.

Foi Bosch quen utilizou o termo de "despedimentos masivos" e négase a facilitar a documentación pertinente ao Comité aclarando o número total das despedidos. É a empresa pois a responsábel da actual polémica de formas.

En todo caso, estamos ante perto de 50 despedimentos neste mes por causas non demostradas e ante unha empresa que lidera o ranking do abuso da contratación temporal na Comarca de Vigo e en Galiza con 1.014 contratos temporais e 186 indefinidos; feito non discutido, como tampouco se discute a apertura dun centro de traballo en Arxentina que atende algunha das campañas das que se despide ao persoal en Vigo.