As indemnizacións a cada un dos traballadores despedidos oscilan entre os 5.000 e os 18.000, dependendo da súa antigüidade na empresa. Os operarios proceden de comarcas como a Costa da Morte ou O Salnés e Ullacargo ten a súa sede social en Vedra, na comarca de Compostela.
Os despedimentos dos sete empregados foron improcedentes e a empresa se comprometeu no Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) a aboarlles as indemnizacións antes descritas. Ernesto López Rei, responsábel comarcal da CIG-Transporte, entende que a compañía puxo como escusa a crise económica para despedir os operarios e “agora alega non ter cartos para pagarlles as indemnizacións".
A primeira das protestas desenvolveuse en Bens o 21 de agosto e nela participaron, alén dos despedidos, sindicalistas da CIG. A concentración fronte as instalacións de CLH estendeuse durante toda a mañá. No lugar houbo unha importante presenza policial ao acudir tres coches patrulla e varios axentes de paisano.
A última hora da mañá, catro dos responsábeis de Ullacargo desprazáronse até Bens para falar cos traballadores despedidos e cos representantes da CIG-Transporte, convocante da protesta. Os empresarios amosaron unha actitude desafiante e aseguraron que varios dos operarios xa cobraran, extremo que foi desmentido polos propios traballadores. Un dos xefes mesmo ameazou con demorar aínda máis os pagamentos e comezou a fotografar os asistentes á concentración, ao afirmar que “os denunciaría”.