marco
Compostela, 22/12/2007
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Entre mentres, solicitan a incorporación dun xuíz de reforzo

Profesionais e sindicatos reclaman a creación do Xulgado do Social nº 3 en Compostela

Representantes das organizacións sindicais CIG, UGT e CCOO, o Colexio de Avogados de Santiago, o Colexio de Procuradores, graduados sociais e avogados laboralistas de bufetes privados demandaron, en rolda de prensa, a creación do Xulgado do Social nº 3 de Compostela para solucionar o problema de saturación que actualmente padece o nº 2. Entre mentres, solicitan do Consello Xeral do Poder Xudicial que se asigne un xuíz de reforzo.

Cando a actual xuíza do xulgado do Social nº 2 de Compostela tomou posesión, atopou procedementos que acumulaban un atraso de entre 15 e 16 meses. Grazas ao seu esforzo, neste intre, o atraso no sinalamento de procedementos ordinarios e da Seguridade Social reduciuse aos entre 12 e 14 meses. Un prazo que segue a ser excesivo para as traballadoras e traballadores que están pendentes de que se lles recoñeza unha incapacidade, que se impugne unha alta médica ou para cobrar o seu salario.

No Xulgado do Social nº 2 de Compostela entran cada ano arredor duns 1.000 casos. Esta cantidade supera con moito os módulos fixados polo Consello Xeral do Poder Xudicial. Ademais, estes asuntos -aos que habería que engadir os expedientes de consignación e de súplica- non se cinguen exclusivamente á cidade de Santiago e a súa comarca, xa que ao seren a capital de Galiza, Compostela recibe procedementos de todo o país.

Por iso, tanto o decano do Colexio de Avogados, como o Colexio de Procuradores, os representantes da CIG, CCOO e UGT, representantes de bufetes privados de avogados laboralistas e representantes de graduados sociais, demandan a creación do Xulgado do Social nº 3.

Todos coinciden en que “unha xustiza lenta deixa de ser xustiza” e que a axilidade desta non pode depender da entrega e voluntariosidade da titular do xulgado. Consideran que os órganos xudiciais competentes, aos que xa se dirixiron para tratar de solucionar o problema -o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e o Consello Xeral do Poder Xudicial- teñen a responsabilidade de garantir o bo funcionamento do sistema xudicial. Algo que, neste caso, só se garantiría creando ese novo xulgado.

En todo caso, para evitar que os procedementos sigan acumulando atrasos, demandan que, cando menos, se designe un xuíz de reforzo mentres o 3º xulgado non comeza a funcionar.

Neste sentido, María do Carme López Santamariña, secretaria confederal de Muller e Servizos Sociais, que representou á CIG na rolda de prensa, sinalou que “como defensores dos dereitos dos traballadores, somos os máis interesados en que esta situación se solucione. Os traballadores que teñen que chegar á vía xudicial son normalmente aqueles que xa están nunhas condicións máis precarias dentro do mundo do traballo e sentímonos impotentes cando teñen que esperar máis dun ano para que se resolvan as súas demandas”.