marco
Compostela, 22/5/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Sen resposta da Secretaría Xeral de Comunicación e de Presidencia

As traballadoras despedidas de Galicia Dixital manteñen as mobilizacións

A Secretaría Xeral de Comunicación, dependente da consellaría de Presidencia, mantén un sonoro silencio fronte as demandas de readmisión das traballadoras despedidas da exposición Galicia Dixital. Entre mentres, elas continúan a mobilizarse en demanda da readmisión, logo de oito anos de traballo continuado nesta mostra.

Como veñen facendo nas últimas semanas case a diario, este xoves as traballadoras despedidas de Galiza Dixital volveron mobilizarse diante da entrada principal do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, coincidindo coa celebración do Consello da Xunta. En xornadas anteriores fixérano diante de San Martiño Pinario, o edifico que acolle a mostra.

As súas concentracións, malia o ruído do bombo, non conseguiron arrincar nin unha soa reacción nin da Secretaría Xeral de Comunicación, da que depende a exposición, nin de Presidencia. E é que para esta administración as traballadoras e traballadores das empresas concesionarias non son a súa responsabilidade.

Porén, desde a CIG-Servizos interprétase a situación dunha forma completamente distinta. Roberto Alonso, secretario comarcal afirma que de quen depende a nova contrata é da Secretaría Xeral de Comunicación, que a súa vez depende de Presidencia e que están a “tolerar e fomentar a precariedade laboral nas concesionarias sen garantir a estabilidade dos postos de traballo”.

Alonso sinala ademais que o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño “está ao corrente desta situación” engadindo que lle dan “absolutamente igual os despedimentos das traballadoras”.

Para a CIG-Servizos o PSOE mostra, desta maneira “o seu nulo interese polos problemas laborais e a discriminación sufrida, unha vez máis, polas mulleres”.