marco
Compostela, 22/5/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
EStán pendentes listas de contratacións, revisión do pacto, traslados, oposicións ou plans de estabilidade, entre outros

CIG-Saúde denuncia os atrasos nos procesos que se están a desenvolver no SERGAS

CIG-Saúde celebrou o pasado 20 de maio unha concentración diante das dependencias do SERGAS en Compostela para reclamar un cambio nas prioridades da Consellaría de Sanidade e que se potencien os recursos humanos e os destinados á súa xestión para que se remate cos atrasos acumulados en diferentes procesos.

Con esta concentración pretendíase pór de manifesto a insatisfacción que se está a manifestar en moitos traballadores e traballadoras por mor dos continuos atrasos que se veñen producindo nos procesos que se están a desenvolver nos outros tempos. Nomeadamente listas de contratacións e revisión do pacto; traslados, oposicións e plans de estabilidade, trienios do persoal interino; falta de tratamento pactado da regulación de vacacións e permisos; incumprimento de acordos anteriores vixentes, ademais de atrasos a aplicación de pactos e atraso inxustificado na aplicación dos acordos de Primaria.

María Xosé Abuín, membro da Executiva da Federación de Saúde da CIG sinala que “todos estes asuntos afectan a unha morea de xente que ve como pasa o tempo sen que os problemas se vaian solucionando, o que nos leva a pensar que a consellaría e o SERGAS teñen que buscar solucións que engraxen a súa maquinaria e permitan unha solución máis áxil aos problemas”.

A CIG-Saúde manifesta ademais que é imprescindíbel un cambio nas prioridades da consellaría que pasan por potenciar unha política efectiva da Dirección de Recursos Humanos e os recursos destinados á súa xestión, “Só así se acadaría unha mellora substancial no tratamento efectivo da maioría dos problemas”.

CIG-Saúde está convencida de que sen unha boa política de Recursos Humanos “non van funcionar tampouco os outros piares da consellaría, como poden ser Asistencia e Planificación Sanitaria”.