marco
Compostela, 22/7/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A propia empresa recoñeceu a improcedencia dos despedimentos

Concentración diante do Bingo de Santiago para exixir a readmisión dos traballadores despedidos

O pasado venres 18 de xullo os traballadores do Bingo “Ciudad de Santiago” concentrábanse ás portas da sala para reclamar a súa readmisión e informar a usuarios e compañeiros do comportamento da empresa. Case o 10% do cadro de persoal, foi despedido, segundo explican os propios afectados, por represalias.

A empresa inglesa Top Rank, propietaria do Bingo de Santiago despedía ao 10% do cadro do persoal, por negarse a realizar traballos que non eran da súa responsabilidade. A empresa alega, na carta de despedimento causas disciplinarias pero, ao tempo, recoñece que se trata de despedimentos improcedentes.

Entre as causas disciplinarias coas que se pretenden xustificar os despedimentos estarían negarse a pasar a aspiradora no recibidor, sendo recepcionista; negarse a desempeñar dous postos de traballo pola nómina dun só –como xefe de sala e caixeiro a un tempo- ou, no caso dunha vendedora, por protestar ao terse que cambiar no mesmo vestiario que os seus compañeiros de sexo masculino.

Apoio aos concentrados

Os traballadores manifestaban, ao remate da concentración, a súa satisfacción polo apoio amosado tanto polos usuarios do bingo como polos compañeiros. De feito, tras seren informados da súa situación, só 60 clientes optaron por entrar. Un número sensibelmente inferior ao que adoita haber, máis coincidindo co comezo das festas.

Ademais, o apoio dos clientes non se limitou a non entrar na sala. Maioritariamente amosaron a súa disconformidade coa forma na que a empresa está a levar a sala e algúns mesmo chegaron a sumarse aos manifestantes solicitando a súa readmisión até con pancartas. Outros usuarios manifestaron o seu apoio levando aos concentrados comida e bebida para facer a xornada de protesta máis doada.

A CIG xa anunciou que se adoptarán todas as medidas de presión necesarias para conseguir a readmisión duns traballadores que foron despedidos por defender dereitos laborais básicos.