marco
Compostela, 22/7/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Os traballadores reclaman o salario de xuño e a paga extra

Convocada folga en IPISA para os días 29, 30 e 31 de xullo

Os traballadores e traballadoras de Iberoitaliana de Pizarras (IPISA) irán á folga os días 29, 30 e 31 de xullo se non se lles abona o salario do mes de xuño e máis a paga extra. Non é a primeira vez que teñen que mobilizarse para cobrar os salarios atrasados –o ano pasado por estas datas xa ocorrera algo semellante-, e a situación adoita empeorar nos meses de verán.

Desde hai dous anos a empresa Iberoitaliana de Pizarras (IPISA) vén pagando con atraso os salarios dos seus traballadores e traballadoras. Uns atrasos que se agudizan moito máis na época estival, pero que se producen ao longo do ano. De feito, a nómina do pasado mes de maio non a cobraron até o día 31 de xuño e non a todo o cadro de persoal.

Os pasados días 14 e 15 de xullo os membros do Comité de Empresa percorreron os distintos centros de traballo para analizar a situación e acordar as medidas a adoptar para presionar á dirección da empresa e que procedera a facer efectivo o abono dos atrasos. A folga prevista para os días 29, 30 e 31 foi unha das medidas acordadas e contou co apoio da maioría do cadro de persoal.

Condicións de traballo

Adriano Brito, Secretario da Unión Local da CIG-Valdeorras, dirixiuse ademais á dirección de IPISA para manifestar a preocupación da central polas condicións nas que se atopan algunhas das instalacións da empresa e pola inseguridade coa que se efectúa o transporte do persoal.

Respecto das instalacións, Brito refírese, en concreto, aos vestiarios do centro de traballo de Medua, en Carballeda de Valdeorras, que non cumpren absolutamente ningún dos requisitos e condicións previstas no RD 486/1997, de 14 de abril, sobre Disposicións Mínimas de Seguridade e Saúde nos Lugares de Traballo.

O secretario da Unión Local da CIG de Valdeorras lembra que tampouco se cumpre a normativa referida a instalacións de primeiros auxilios, xa que carece do material e medios regulamentarios.

Medios de transporte

Canto aos medios de transporte, Brito salienta que as condicións nas que se efectúa tampouco son seguras. “Atopamos vehículos coas rodas completamente lisas, case sen debuxo e cun mantemento precario, o que representa un perigo engadido para os traballadores e traballadoras que debe viaxar cada día neles”. Algunhas destas deficiencias “son tamén comúns a outros centros de  traballo, polo que facemos extensiva a proposta de remodelación”, engade.

A CIG propón a Iberoitaliana de Pizarras que se fagan as obras necesarias agora, aproveitando as vacación, para que se adecúen as instalacións á lexislación actual en materia de prevención de riscos laborais, así como para que se efectúe un mantemento axeitado dos medios de transporte.

Adriano Brito advirte á empresa da intención da CIG de recorrer á Inspección de Traballo e á Autoridade de Minas da consellaría de Innovación e Industria se non se acometen estas melloras, de cara a garantir o cumprimento das condicións laborais e as medidas de seguridade no traballo.