marco
Vigo, 22/8/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Novo caso de deslocalización

A empresa de telemárketing “Unísono” despide 45 persoas en Vigo

A contrata de telemárketing “Unísono” despediu nos últimos días 45 persoas en Vigo alegando o remate dunha campaña que denominaba “Desbordamento Campaña de Orange”, que como o seu nome indica encubría unha contratación fraudulenta por acumulación de tarefas. Como transfundo, un novo proceso de deslocalización.

Unísono abriu un centro de chamadas en Chile que dá servizos á empresa de telecomunicacións Orange, transferindo parte da atención á clientela que se realizaba en Vigo.

A posta en marcha do centro de Chile foi conflitiva, polo que no mes de decembro as chamadas se transferiron de novo a Vigo, o que significou un repunte no traballo que foi cuberto inicialmente con contratacións eventuais. Posteriormente, transformou os contratos eventuais en contratos para unha obra denominada Desbordamiento-Orange, que como o seu propio nome indica encubría unha acumulación de tarefas.

O pasado día 19 de agosto, Unísono comunicou a 45 persoas o seu despedimento por remate da suposta campaña. En realidade estes despedimentos forman parte dunha estratexia de Orange en todo o Estado.

A compañía de telecomunicacións Orange estase desfacendo dos seus servizos de atención ao cliente no Estado, servizos que tiña subcontratados en numerosas empresas de telemárketing. Aos despedimentos do pasado día 19 en Unísono Vigo súmanse outros masivos (mais de 500 persoas) realizados en Salamanca ou Zaragoza.

Durante o 2008 houbo meses nos que a empresa Orange tivo máis baixas que altas de clientes. Ante esta situación reaccionou dándolle un novo pulo ao seu plan para reducir custes optando por incrementar o proceso de deslocalización.

Os servizos de atención ao cliente das empresas de telecomunicacións levan tempo deslocalizándose cara a países de América latina, un proceso no que as contratas de telemárketing non perden, xa que a maior parte dos centros de chamadas cara os que se deslocaliza o traballo son filiais de empresas do Estado español. Os únicos que saen prexudicados neste proceso son os traballadores e traballadoras do Estado que perden o seu posto de traballo.

Unísono é un claro exemplo desta situación: Orange segue sendo o seu cliente, pero en Chile. As únicas perdedoras son as 45 persoas que foron despedidas este mes en Vigo.

Para a deslocalización dos servizos de atención é preciso que as empresas de telemárketing transfiran aos países de América Latina os datos dos clientes de Orange no Estado español. Transferencias que foron aprobadas pola Axencia Estatal de Proteccións de Datos, malia os recursos presentados pola CIG.

A Sección Sindical da CIG ten presentado denuncia destes feitos ante a Inspección de Traballo e está en contacto co persoal para analizar a resposta a dar ante estes despedimentos fraudulentos.