marco
Compostela, 22/9/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Solicitan que sexa xestionado directamente polo SERGAS

CIG-Saúde denuncia a privatización do sistema de cita previa na Atención Primaria

O servizo de citacións foi concedido, mediante concurso, a unha empresa privada para que monte unha Central de Chamadas que dea resposta ás solicitudes de cita telefónica para o persoal Médico e de Enfermería de Atención Primaria. Para dar estas citas esta empresa privada fará uso dos datos dos pacientes que figuran na tarxeta sanitaria, que están en poder do Sergas.

CIG-Saúde preguntou en repetidas ocasións ao Sergas polo desenvolvemento das centrais de chamadas que recolle o Plan de Mellora de Atención Primaria. A falta de resposta levounos a manifestar a nosa protesta na Acta da ultima reunión da Comisión de Seguimento do Plan de Mellora en abril de 2008.

Diante da publicación no DOG nº 105 do 2 de xuño de 2008 no que o Instituto Galego de Medicina Técnica S.A. convocaba un concurso publico para cubrir o servizo de cita previa no eido da atención primaria da Comunidade Autónoma de Galicia, CIG-Saúde remitiu un escrito aos responsábeis do SERGAS, ao que non deron resposta algunha. No mesmo amosábamos a nosa posición, contraria á privatización deste servizo e solicitábamos que a central de chamadas fora xestionada directamente polo SERGAS con persoal seleccionado das listas de vinculación temporais. (Adxúntase escrito).

CIG-Saúde quere poñer de manifesto diante das traballadoras/es do SERGAS e do conxunto da opinión pública o desacordo co modelo elixido, que supón a privatización dun servizo público e a conseguinte precarización de postos de traballo.

CIG-Saúde quere deixar claro que non se pode utilizar o Plan de Mellora da Atención Primaria como pretexto para privatizar servizos, en aparente contradición coa política da Consellería de Sanidade de reverter ao sistema publico ás fundacións postas en marcha na administración anterior. A utilización do Plan de Mellora para desenvolver estas políticas é unha clara deslealdade coas organizacións que, como CIG-Saúde, asinamos un Plan para a mellora do Servizo Publico, non para a súa liquidación.

Como xa manifestamos en repetidas ocasións CIG-Saúde apoia a creación de centrais de chamadas que permitan descargar unha parte das citas telefónicas das áreas administrativas dos servizos e unidades de atención primaria, pero sempre que se fagan con persoal estatutario integrado no SERGAS.

 

Escrito remitido aos responsábeis do SERGAS:

A/ATT:

Cayetano Rodriguez Escudero, Secretario xeral do Servizo Galego de Saúde

Julio Villar Barreiro, Director xeral da División de Asistencia Sanitaria

Jesus Rey García, Subdirector Xeral de Calidade e Programas Asistenciais da División de Asistencia Sanitaria

A posición de CIG-Saúde sobre as Centrais de Chamadas foi clara dende o principio das discusións nos grupos de traballo do Plan de Mellora: apoiou a creación de centrais de chamadas que permitan descargar unha parte das citas telefónicas das áreas administrativas dos servizos e unidades de atención primaria, sempre con persoal estatutario integrado no SERGAS.

Nas conclusións da Mesa de desburocratización figura: “Proponse considerar alternativas como a central de chamadas e a citación por Internet”. E no Plan de traballo se contemplaba que antes do fin do 2007 o obxectivo era pilotar en 3 centros de cada xerencia de A.P. o sistema de central de chamadas por rebosamento de 8 a 20h. e no orzamento extraordinario para o Plan de Mellora do ano 2007 figuraban 1.069.633 € para este concepto. Durante o ano 2008 estaba previsto estender o modelo de central de chamadas por rebosamento ao 50% dos centros.

Na reunión da comisión de seguimento do Plan de Mellora do 14 de abril CIG-Saúde xa puxo de manifesto a súa preocupación pola falta de información sobre este tema, e condicionaba o apoio final as medidas adoptadas e comentadas nesa reunión, a que se informara dos pasos dados sobre a central de chamadas e o seu modelo de xestión, como consta na acta desa comisión de seguimento.

Para a nosa sorpresa, e sen ter información previa como asinantes do Plan de Mellora, no DOG nº 105 do 2 de xuño o Instituto Galego de Medicina Técnica S.A. convoca un concurso publico para cubrir o servizo de cita previa no eido da atención primaria da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta medida supón unha clara vulneración da transparencia e lealdade no proceso de desenvolvemento do Plan de Mellora.

Diante desta situación de falta de información e escurantismo, dende CIG-Saúde solicitamos que se nos faciliten os seguintes datos concretos sobre as Centrais de Chamadas:

  1. as pilotaxes realizadas do modelo de central de chamadas previsto e acordado no Plan de Mellora (por rebosamento) e as razóns polas que, en función dos últimos datos, foi descartado ese modelo,
  2. a execución do orzamento previsto no ano 2007, e o orzamento previsto para a contratación externa do servizo,
  3. aclarar o procedemento de contratación externa a través de MEDTEC,
  4. o cronograma de implantación do novo modelo,
  5. aclarar cal é o futuro do persoal que actualmente presta servizos nas actuais centrais de chamadas,
  6. definición do modelo de xestión, aclarando como influirá na xestión das axendas, na confidencialidade dos datos, no respeto polo uso do galego como lingua propia na comunicación do Sergas, etc.,

A postura inicial de CIG-Saúde xa queda posta de manifesto no primeiro paragrafo deste escrito, pero agardamos a resposta a esta información, que esperamos que se produza no prazo de tempo mais breve posible.

Vigo, 12 de xuño de 2008

Manuel González Moreira

Representante de CIG-Saúde na Comisión de

Seguimento do Plan de Mellora de Atención Primaria