Antón Álvarez: Cales son as expectativas de medre da CIG en A Mariña?
Xorxe Caldeiro: Estamos en condicións de mellorar. Actualmente temos o 27% dos delegados. Agardamos medrar en número de afiliados, agora temos 1.500, e en porcentaxe de delegados. Estamos conseguindo introducirnos en empresas onde non tíñamos representación, polo que nos estamos a converter nun referente no sindicalismo da comarca. No caso contrario atópase CC OO, que está a xogar un papel descarado a favor dos intereses empresariais. Sabemos de candidaturas desta central formadas por familiares dos patróns e por cargos directivos das empresas.
Antón Álvarez: En que sectores pode ter a CIG unha baza de cara a estas eleccións sindicais?
Xorxe Caldeiro: Alcoa á marxe, o sector con máis proxección de futuro en A Mariña son os servizos. Por sorte ou desgraza, este é o sector económico con máis puxanza e desenvolvemento na nosa comarca. No ensino somos líderes con diferenza e sacamos o 40% dos votos. Na saúde e na Administración pública tamén acadamos moi bos resultados.
En canto ao metal, a fábrica de Alcoa e as súas auxiliares acaparan a maior parte da man de obra de A Mariña. Alcoa dá de comer a media comarca, de maneira directa ou indirecta. Aquí somos a primeira central, mais non temos a presidencia do comité de empresa, logo de que se unisen o resto de sindicatos contra nós.
Antón Álvarez: Pódese dicir, entón, que a dependencia económica da comarca en torno a Alcoa é case total?
Xorxe Caldeiro: Efectivamente. Neste sentido, mantivemos unha xuntanza con representantes da Consellería de Industria na que lles expuxemos a necesidade de incentivar investimentos destinados cara outras industrias alternativas a Alcoa para asegurar, deste xeito, a viabilidade económica de A Mariña no futuro. Non está na mente de ninguén, nin tampouco se prevé pero, se algún día Alcoa se traslada de San Cibrao cara outro sitio por mor da deslocalización, a comarca sumiríase no caos.
Antón Álvarez: Burela é un dos principais portos boniteiros do Estado español. Como se atopa o sector da pesca en A Mariña?
Xorxe Caldeiro: A pesca foi moito máis importante do que é agora. O sector está moi desestruturado, é moi individualista e resulta difícil que os sindicatos teñamos incidencia. A pesca aquí está a ter unha importante regresión, ao igual que acontece no resto do país. Estas dificultades impiden estabelecer convenios colectivos, para implantar boas condicións de traballo e salarios dignos. As condicións son tan duras que, desde hai anos, os armadores traen xente de fóra para traballar, nomeadamente caboverdianos, ecuatorianos e peruanos. A xente de A Mariña cada vez traballa menos na pesca.
Antón Álvarez: A Mariña é das comarcas do país con maior presenza de inmigrantes. Contades con moitos afiliados estranxeiros? Como está a ser a súa inserción no mercado laboral?
Xorxe Caldeiro: Contamos cun certo número de afiliados que proceden de Ecuador. Somos conscientes de que temos que incidir desde a CIG comarcal en actividades específicas para os inmigrantes.
Temos constancia de que, nas canteiras da comarca, grande parte do persoal marroquino e subsahariano ten unhas condicións moi difíciles. Houbo casos de accidentados que quedaron lisiados e que non puideron dispór de medicinas, nin de transporte para ir facer as curas ao hospital. Esta situación irregular dáse nalgunhas canteiras de Lourenzá e Barreiros. No sector forestal, hai moito romanés que traballa nas serrarías.
Porén, a pesar de sermos unha comarca receptora de inmigrantes, a mocidade de aquí emigra cara a zona atlántica do país e cara outros puntos do Estado español. Estamos a falar de xente moi preparada. A provincia de Lugo ten os convenios máis baixos do país, na construcción, na hostalaría.
Antón Álvarez: No tocante aos accidentes laborais, está a haber maior implicación das administracións para atallar a situación?
Xorxe Caldeiro: Percíbese unha maior sensibilidade por parte de novo Goberno autonómico pero aínda non vimos o reflexo das melloras prometidas. Hai moito por facer. As administracións e as empresas historicamente inhibíronse, mesmo desde a entrada en vigor da Lei de Prevención. No mar, os accidentes son frecuentes e ocorren desgraciadamente con certa periodicidade. Na construción xa é algo esaxerado e nas canteiras case non existen medidas preventivas. Co cambio de goberno na Xunta houbo unha mudanza nas formas pero o que hai que facer é plasmar as expectativas en realidades.