marco
A Coruña, 23/4/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A CIG CRITICA O ALCALDE POR QUERER REUNIRSE ANTES COA EMPRESA QUE COS TRABALLADORES

Inícianse as mobilizacións do persoal de MARTINSA-FADESA

Case un centenar de traballadores da sede coruñesa de MARTINSA-FADESA uniuse, o 23 de abril, á concentración convocada polo comité de empresa para denunciar a perda de postos de traballo e o posíbel desmantelamento da delegación da inmobiliaria na cidade herculina.
O cadro de persoal de Martinsa-Fadesa mobilízase contra o desmantelamento da sede coruñesa. (Concentración realizada o 23 de abril fronte a inmobiliaria).

A CIG, a través do secretario comarcal, Paulo Carril, considera que os despedimentos anunciados pola empresa non se poden xustificar amparándose na crise do sector inmolbiliario. A perda sistemática de postos na compañía comezou a principios do ano pasado, cando Fernando Martín adquiriu FADESA.

Por outra banda, Carril considera intolerábel que o alcalde de A Coruña, Javier Losada, anuncie que se vai reunir co presidente de MARTINSA-FADESA sen ter mantido previamente unha xuntanza co comité de empresa. O secretario comarcal agarda, ademais, que Losada non minimice a gravidade da situación.

Durante o ano pasado houbo na empresa 140 baixas en A Coruña, 38 traballadores foron trasladados a Madrid e 33 do departamento de Informática foron externalizados a outra compañía. Ademais, no que levamos de ano, 34 empregados perderon o seu posto en A Coruña. Polo tanto, desde que Martinsa adquiriu Fadesa, máis do 50% dos postos de traballo da inmobiliaria existentes en A Coruña se viron afectados.