Tal e como lembran os comités de empresa, desa resolución ‘unánime’ do Paralamento de Galiza o único que está cumprimentado é o primeiro punto, que implicaba a xuntanza entre a empresa, os traballadores e as consellarías de Traballo e Industria. Desta xuntanza redactouse unha acta que foi remitida ao Parlamento galego. “Máis alá deste, ningún dos outros puntos acordados nese compromiso unánime foron executados”, explica Anxo Noceda, secretario comarcal da CIG de Compostela.
Noceda lembra ademais que, “nin as centrais sindicais representadas nos comités de empresa nin os propios comités temos coñecemento oficial da información que o parlamento di ter recollido sobre este asunto”.
Aínda así, e polo coñecemento que, de maneira extraoficial, teñen sobre esa documentación, resulta rechamante que boa parte dela fora subministrada polos propios traballadores, tanto aos grupos parlamentarios como ás consellarías de Industria e Traballo. “Botamos en falta que ningún dos catro informes sobre este trazado, realizados por encargo do ADIF baixo a dirección de Daniel Arias Prieto, foron remitidos nin ao Parlamento galego, nin á Xunta de Galiza. Nin sequera foron solicitados”, lembra Noceda.
Os comités de empresa teñen solicitado eses estudios en reiteradas ocasións. Porén, a data de hoxe aínda non foron remitidos e o que é aínda máis grave: un deles non está sequera rematado –a data prevista para a súa finalización é setembro de 2008-. Malia iso, desde o Ministerio de Fomento continúase co proceso de expropiación e nin a Xunta de Galiza nin o Parlamento galego están a demandar do ADIF a paralización de todo o proceso mentres non teñan toda a información necesaria, tal e como estabelece na resolución do 27 de xuño do pasado ano. Máis cando polas informacións que chegaron aos traballadores, nun destes estudios xa se advirte da necesidade de modificar o trazado do TAV.
Os erros do ADIF
Anxo Noceda fai ademais un percorrido polos últimos erros cometidos polo ADIF, para reforzar a súa demanda de paralización das expropiacións e para demostrar que nin a Xunta de Galiza, nin os grupos parlamentarios teñen toda a información necesaria.
O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) sostivo, de forma reiterada, que na mina de Serrabal se estaba a retirar o mineral da zona afectada polo trazado para almacenar noutras zonas da mina, en contra do que dicían os traballadores. En xuño do ano pasado tivo que recoñecer o erro e admitir que os traballadores tiñan razón.
En setembro de 2007 faise pública a expropiación de 44.000 metros cadrados dos terreos da mina non previstos nin expostos para expropiación. Os traballadores denuncian esta situación e o ADIF mantén que non é certo o que din. En novembro de 2007 recoñece tamén estoutro erro.
Nos primeiros meses deste ano, malia estar publicado no BOE, o ADIF comete un erro ao comunicar a expropiación de cerca de 100.000 metros cadrados que afectaban de cheo á viabilidade de dúas canteiras de Silleda, procedendo a anular as devanditas expropiación. Os traballadores de Serrabal e Ferroatlántica pregúntanse por que neste caso se anulan (argüíndo que afectan á viabilidade) e no de Serrabal non se pode nin valorar esa posibilidade. “Cantos erros máis nos deparan”, pregúntanse
O suposto atraso da obras
Para o secretario comarcal da CIG de Compostela a análise respecto ao suposto atraso das obras por mor dun cambio de trazado da liña do TAV ao seu paso pola mina é obvia. Noceda lembra que no 2003 os Comités de Empresa e as centrais sindicais comunican á Xunta de Galiza, co PP aínda no goberno, os problemas que poden derivarse de manter o trazado ao seu paso pola mina. No 2005, co novo goberno volven comunicar as posíbeis consecuencias que para a viabilidade da explotación e para os postos de traballo. “Se tanto no 2003 como no 2005 tiveran estudiado a situación e acordado un cambio de trazado agora non habería estes problemas. En todo caso, hoxe en día aínda non se comezou sequera a mover a terra na zona. Cómpre preguntarse, en todo caso, por que non supón atraso algún modificar o trazado en dous quilómetros entre os concellos de Lalín e Silleda ou en 12 quilómetros nos accesos a Ourense, pero non é posíbel nin viábel o tramo dos escasos seis quilómetros entre Vedra e Boqueixón”. Co secretario comarcal da CIG de Compostela, coinciden os traballadores, afirmando que “semella que o único que provoca atrasos é o trazado por Serrabal”.
Para eles o cambio de trazado está claro que viabiliza a mina, as plantas de Cee e Sabón, e xera unha grande potencialidade de desenvolvemento económico e industrial nun sector punteiro como é a enerxía solar.
Lembran en todo caso que a mina de Serrabal non é propiedade de ningunha empresa senón que é unha concesión mineira da propia Xunta de Galiza. Polo tanto conclúen que, sendo así, os seus recursos son do país e non de ningún empresario. O que si teñen claro é que de solventarse este conflito cunha indemnización máis ou menos cuantiosa o único beneficiario será Villar Mir, propietario das plantas de Ferroatlántica e concesionario da explotación da mina de Serrabal.
“Se alguén está a facerlle favores a Villar Mir son exclusivamente aqueles que teñen nas súas mans a potestade de cambiar este trazado (Xunta e Ministerio de Fomento). Co cambio de trazado non hai indemnización posíbel e si se abren importantes vías de cara ao asentamento no noso país desta industria. Ao tempo, ábrese o camiño para que os galegos e galegas realmente sexamos donos do noso patrimonio, neste caso mineiro”, afirma Anxo Noceda.