Despois dunha semana chea de mobilizacións e tensións coa empresa, a dirección comprometeuse a presentarlle ás traballadoras unha proposta de carga de traballo. De feito, produciuse un achegamento ás propostas e demandas das traballadoras, "pero até que nos sentemos, estudemos a proposta que nos presentan e avaliemos o que queren, non podemos descartar a posibilidade dunha folga indefinida na semana próxima", sinalaba Rosa Abuin, da FGAMT-CIG do Salnés.
De feito, o luns 26 de maio van ser chamadas a traballar quince mulleres, polo que decidiron dar marxe á empresa para que realmente ofreza un futuro para as fixas discontinuas desta conserveira.
Moción no Pleno
Ao mesmo tempo, continúan as xestións en todos os ámbitos. O próximo xoves 29 de maio terá lugar unha xuntanza na Delegación de Traballo, co Inspector de Traballo e co Delegado, para mediar neste conflito. Ademais o luns 26 de maio debatirase no Pleno do Concello de Vilanova, ás oito da tarde, a moción presentada polas traballadoras, no que agardan que todos os partidos políticos apoien as demandas destas mulleres.