marco
A Coruña, 23/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Proseguen as protestas da CIG - Saúde

Técnicos superiores e en coidados auxiliares mobilízanse no Arquitecto Marcide en reclamación dunha reclasificación xusta

Medio cento de técnicos superiores e de técnicos en coidados auxiliares de enfermaría do SERGAS mobilizouse o 23 de xuño no Hospital Arquitecto Marcide en demanda dunha reclasificación xusta dos seus postos. Os e as traballadoras trasladaron as súas protestas nunha marcha desde o despacho de Recursos Económicos até o de Recursos Humanos. CIG-Saúde convocou ese día concentracións simultáneas en todos os hospitais públicos do país.

A Consellaría de Sanidade non aplica a estes traballadores o contemplado na Lei do Estatuto Básico do Empregado Público e obvia a nova clasificación dos postos, tanto dos Técnicos Superiores coma dos Técnicos de Grao Medio. Non lles actualiza as retribucións básicas (soldo base e trienios), pese a que na propia Orde de Confección de Nóminas do Persoal a Servizo da Administración autonómica para o ano 2008 xa aparecen contempladas estas novas retribucións. Os técnicos sanitarios superiores deixan de percibir 117´94 euros ao mes en concepto de salario base e os auxiliares de enfermaría, 130´94.

Antes da entrada en vigor da Lei Estatuto Básico do Empregado Público, os técnicos sanitarios superiores do SERGAS (Radiodiagnose, Laboratorio, Hixienistas dentais, Anatomía patolóxica...) estaban clasificados dentro do Grupo C. O artigo 76 desta Lei estipula que os técnicos superiores pertencerán ao novo Grupo B, para cuxo acceso é imprescindíbel estar en posesión do título de Técnico Superior, do que dispoñen. Sen embargo, a Administración sanitaria inclúe estes traballadores dentro do subgrupo C1, para o que se precisa ter os titulacións inferiores (Bacharelato ou Técnico) ás que posúen.

O mesmo acontece cos técnicos sanitarios de Grao Medio en Coidados Auxiliares de Enfermaría (auxiliares de enfermaría), antes considerados Grupo D. Segundo a Lei 7/2007, estes traballadores teñen que estar englobados no subgrupo C1 (Título de Bacharelato ou Técnico), mais a Consellaría de Sanidade os inclúe no subgrupo C2 (título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria).

Ligazóns relacionadas:

CIG-Saúde mobilízase por unha reclasificación xusta dos técnicos sanitarios do SERGAS

Blogue da CIG-Saúde de Ferrol