marco
Compostela, 23/9/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Demanda un especialista de Francés e outro de Ciencias Naturais

A CIG-Ensino exixe que a consellaría de educación dote o IES de Arzúa do profesorado que solicita

A CIG-Ensino vén denunciando que neste comezo de curso se aprecia un importante recorte de profesorado e unha deficiente resposta á reclamación dos centros, prexudicando de xeito grave a calidade do ensino. Neste contexto, a CIG-Ensino quere denunciar un exemplo sintomático disto, como é o do IES de Arzúa.

A CIG-Ensino exixe á Consellaría de Educación que atenda a demanda do equipo directivo e do claustro de profesorado do IES de Arzúa de dotar o centro con dous docentes máis, necesarios para o correcto funcionamento da actividade docente (1 especialista de Francés e outro de Ciencias Naturais).

A decisión de non adxudicar estas dúas prazas foi comunicada ao centro dous días antes de iniciarse as clases, cando xa se tiñan organizados os grupos de alumnado e os horarios individuais do profesorado, contando coa dotación destes dous especialistas. Esta negativa provocou a solicitude de dimisión en pleno do equipo directivo apoiada de xeito unánime polo profesorado no claustro celebrado o pasado mércores, 17 de setembro.

A CIG-Ensino constatou o malestar do profesorado do centro polas consecuencias deste recorte de profesorado:

  1. Aumento das rateos en 2º e 3º de ESO, cursos que contarán agora cun grupo menos que o curso pasado, o que impedirá executar os programas previstos para reducir o fracaso escolar. O alumnado destes grupos estará practicamente nos máximos legais, pese a contar con alumnado repetidor e con necesidades educativas especiais, sendo imprescindíbel un menor número de alumnos/as por aula para poder atender adecuadamente a diversidade e impartir un ensino de calidade.
  2. Impartición de materias dos departamentos de Francés e Ciencias Naturais como materias “afíns” por profesorado non especialista (dos departamentos de Lingua Galega, Lingua Española, Latín e Grego no caso de Francés e do de Tecnoloxía no caso das materias de Ciencias Naturais).
  3. Modificacións organizativas de última hora que provocaron unha sobrecarga de traballo para o equipo directivo e o descoñecemento dos horarios individuais do profesorado e o semanais do alumnado, unha vez iniciado o curso escolar.

A CIG-Ensino xa denunciou a semana pasada a negativa da Consellaría a cubrir as prazas imprescindíbeis que están sendo solicitadas polos centros, sendo a situación do IES de Arzúa un exemplo máis desta política de recorte de profesorado.