O único punto da orde do día foi o debate da devandita moción, que foi presentada por Alberte Amado, secretario da Unión Local da CIG de As Pontes.
O Plan Miner II contempla un Plan Social para os traballadores das empresas mineiras baseado, fundamentalmente, en prexubilacións aos 52 anos de idade equivalente, coa bonificación do coeficiente redutor.
Para acollérense ás prexubilacións, os empregados das empresas mineiras deberán acreditar oito anos ou máis de cotización á Seguridade Social, contrato fixo da empresa e tres anos ou máis de antigüidade na empresa principal.
En As Pontes, ao remate de 2007, levouse a cabo un proceso de incorporacións parcial e incompleto de traballadores das auxiliares á empresa principal, Endesa.
A CIG de As Pontes entende que o peche da mina de lignito pardo da localidade se debe acometer dando satisfacción a todos os intereses afectados (territoriais, medioambientais e, por suposto, laborais) e sen producir fracturas sociais. Tense que atopar unha saída acaída para a totalidade dos traballadores das empresas auxiliares que cumpran as condicións contempladas no Plan Miner II, como así estipulan as resolucións unánimes do Parlamento galego e do Congreso español que apoian o dereito dos traballadores das auxiliares da minaría galega a incorporárense ás empresas principais.