As máis de 400 persoas asistentes exixíronlle á consellaría a apertura dunha negociación, co obxectivo de acadar o maior consenso posíbel na procura dun bacharelato compensado, de calidade e laico, porque o proxecto que presenta impide impartir o seu currículo en dous cursos e exclúe calquera perspectiva de galeguización dos contidos.
CIG-Ensino, conxuntamente co profesorado afectado anunciou ademais que seguirá a reclamar da consellaría unha nova canle de negociación e diálogo que teña en conta estas propostas.
Ao remate da concentración interviñeron representantes do profesorado afectado pola redución de horario e o Secretario Nacional de CIG-Ensino Anxo Louzao quen insistiu na necesidade dun Bacharelato compensado (equilibrado nos seus contidos con carga horaria suficiente para cumprir os obxectivos), laico (cumprindo a lexislación vixente máis engadindo, a igual que se propuxo en Cataluña e Asturias as horas de relixión á carga actual en vez de restrinxir por causa delas o horario das outras materias) e de calidade (ofertando en todos os centros cando menos dúas especialidades de bacharelato, ampliando a oferta da modalidade de artes, optativas...).
Louzao concluíu a súa intervención convocando ao profesorado para concentrarse diante do Consello Escolar o 28 de abril ás 16:30 e facendo un chamamento para que participen na folga que está convocada para o vindeiro 29 de abril.
Ao remate da concentración celebrouse unha xuntanza da CIG-Ensino coa Consellaría para negociar os Servizos Mínimos do día da Folga que quedaron establecidos na persoa do Director/a ou dun cargo directivo.