marco
Compostela, 24/4/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Temen que a pretensión da administración sexa externalizar estas funcións

A consellaría de Sanidade elimina o 20% dos postos do Corpo de Inspectores Farmacéuticos a cambio de subirlles o nivel

Representantes de CIG-Saúde, CIG-Administración e unha ampla representación do colectivo de Inspectores Farmacéuticos de Saúde Pública denunciaron en rolda de prensa a pretensión da consellaría de Sanidade de Sanidade de amortizar 19 das 100 prazas existentes a cambio de subilos de nivel. Denuncian que tras desta redución de prazas agóchase a intención da administración de externalizar progresivamente o traballo que desenvolve este colectivo.

No ano 2005 faise unha restruturación dos anteriores sanitarios locais e créase a clase de inspectores farmacéuticos de saúde pública, que teñen como función a vixilancia e verificación da lexislación en materia medioambiental, de sanidade escolar, de policía sanitaria mortuoria ou de hixiene alimentaria, ademais de participar na administración, coordinación e execución de programas de saúde xestionados pola dirección xeral competente en materia de saúde pública, emitir informes, actuar sobre determinados alimentos, bens ou servizos... entre outros.

Para desenvolver estas funcións, na relación de postos de traballo (RPT), que se crea ese mesmo ano, contémplanse e orzaméntanse 100 prazas deste corpo, das que só se chegan a cubrir 81. “Non porque a carga de traballo non tivese que contemplar as 100 prazas senón porque hai programas que non se facían coa periodicidade e a cadencia coa que se tiñan que facer”, explica María Xosé Abuín, membro da executiva de CIG-Saúde.

No ano 2007, convócase un proceso selectivo e sorprendentemente e por vez primeira, a administración en vez de manter os postos de traballo, o que fai é cesar a todo o persoal malia ter orzamentadas esas 19 prazas.

A xustificación esgrimida para adoptar unha decisión como esta é que van proceder a subir os niveis, pasando o persoal deste corpo do 20 ao 22 e incrementar en 140 euros i salario. A cambio desaparecen o 20% dos postos de traballo. “Non é viábel, nin razoábel, nin admisíbel porque senón, cada vez que a administración quixese facer un aumento retributivo iamos a metade á rúa”, afirmaba María Xosé Abuín.

Unha decisión contraria ao Estatuto Básico do empregado público

Pola súa banda, o secretario nacional de CIG-Administración Autonómica, Manuel Gallardo Canitró explicou que con este anuncio a consellaría de Sanidade incumpre o acordo asinado pola administración o pasado mes de abril respecto dos criterios de negociación. Un acordo que, ademais ten a súa base no Estatuto Básico do Empregado Público e que obriga a negociar entre os sindicatos e a administración sempre que as decisións que se adopten ‘afecten ás condicións de traballo e ás retribucións de funcionarios cuxa regulación exixa norma con rango de lei ou a decisión da administración que afecte ás súas potestades de organización’.

Canitró denunciou ademais que a decisión unilateral da consellaría de amortizar estas prazas vai afectar ás condicións de traballo dos restantes porque a carga de traballo vaise incrementar exponencialmente ao ter menos traballadores/as. “Entendemos que isto é completamente irregular e ilegal. O que ten que abrir a administración, neste caso a consellaría de Sanidade, é unha mesa de negociación, para negociar a RPT no seu conxunto coas propostas que fagan e despois acordalas e en ningún caso coa escusa de subir o nivel ou de calquera tipo de incremento retributvo se pode aceptar que se amorticen ou que se destrúa emprego público”, afirmou.

Para o representante da CIG na Administración Autonómica tamén se están a conculcar dereitos dos funcionarios/as que aprobaron a oposición, xa que ao eliminar esas 19 prazas elimínase tamén a posibilidade de elección dun destino máis preto da súa casa que facilite a conciliación da vida laboral e familiar dun xeito máis efectivo.