Xornadas de entre 10 e 12 horas e traballo en días inhábiles establecidos polo convenio, os sábados, e ás veces mesmo os domingos, segue a ser a práctica habitual por parte das contratas e subcontratas, o que supón un perigo engadido para os traballadores debido ao cansazo que chegan acumular; máis nestes días nos que as altas temperaturas recomendarían unha redución de xornada e non precisamente unha salvaxe prolongación.
A CIG de Ourense tivo constancia de que un traballador da Construción que participou nunha homenaxe ao compañeiro Xosé Manuel Domínguez Lago, morto en accidente laboral no viaduto do Arenteiro, en Pol de Piteira, en setembro de 2007, presentou unha denuncia o pasado 1 de xuño, domingo, ante a Garda Civil do Carballiño, ao observar como mentres se lle facía a homenaxe a Xosé Manuel, había xente traballando na obra do AVE.
Presións políticas polos prazos
"A obsesión dos prazos e as presións políticas estan pondo en perigo a vida e a saúde dos traballadores, algo totalmente intolerábel" sinala Etelvino Blanco, secretario comarcal da CIG de Ourense. Blanco subliña que "non se pode cometer a hipocrisía de exixir inmediatez na execución das obras e logo lamentar os accidentes".
Por último, Blanco exixiu "o cumprimento do Convenio en materia de xornada e que se extremen as medidas preventivas para garantir a vida das persoas".