marco
Compostela, 24/7/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Colectivos e cidadáns poderán sumar o seu apoio en distintas páxinas web

“Manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego”

Unha trintena de persoas representativas de diferentes eidos da sociedade galega presentaron este xoves, día 23 de xullo, en Compostela o “Manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego”. Un documento no que se subliña que “é o galego o que corre perigo como idioma e os galego falantes os que non son debidamente respectados”.

O Manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego comeza reclamando o dereito do pobo galego a que a súa lingua propia, orixinaria, “sexa oficial a todos os efectos” e denuncia os intentos de “convencer á opinión pública de que o castelán corre perigo de desaparición e que os seus falantes son discriminados no noso país”. Esta “inversión da realidade” ten como obxectivo, segundo os promotores do manifesto, “que os falantes do galego non teñan dereitos lingüísticos e que os únicos deberes para as Administracións públicas se vinculen ao castelán.”

“É o galego o que corre perigo como idioma e os galego falantes os que non son debidamente respectados. Vivimos unha grande inxustiza que é a negación da igualdade e da verdadeira convivencia”, salienta o manifesto, que apela ás institucións de autogoberno a se compromoteren “na defensa da plena igualdade de dereitos para o galego e na aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos”.

Ao manifesto poderán sumarse os colectivos e cidadáns que así o desexaren a través do web da Mesa, www.amesanl.org, e doutras páxinas.

 

MANIFESTO A PROL DA CONVIVENCIA LINGÜÍSTICA E DA IGUALDADE DE DEREITOS PARA O GALEGO

As persoas que promovemos esta chamada queremos manifestar, perante as institucións de autogoberno e como aclaración perante a sociedade galega, o seguinte:

1.- O pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia (orixinaria) sexa oficial a todos os efectos no seu ámbito territorial. Os usuarios do galego deben desfrutar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán ten no seu.

2.- A situación do galego está moi lonxe de ser así. Non desfrutamos de dereitos lingüísticos plenos para desenvolver a nosa vida diaria con normalidade na nosa lingua na nosa terra. Son os falantes do galego os que resultan discriminados. É o galego o que corre perigo como idioma e os galego falantes os que non son debidamente respectados. Vivimos unha grande inxustiza que é a negación da igualdade e da verdadeira convivencia.

3.- Por iso, resulta realmente preocupante que, desde Madrid, con apoio de importantes medios de comunicación, haxa quen pretenda convencer á opinión pública de que o castelán corre perigo de desaparición e que os seus falantes son discriminados no noso país. Esta inversión da realidade ten como obxectivo que os falantes do galego non teñan dereitos lingüísticos e que os únicos deberes para as Administracións públicas se vinculen ao castelán.

4.- O verdadeiro problema non está na cooficialidade de idiomas como o galego, senón na actitude de quen nega a existencia de pobos e linguas diferentes no Estado español. Esta actitude si é a negación da convivencia e da igualdade. O proceso de normalización de usos do galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir nesta lingua. O que compre é respectar a legalidade vixente (Estatuto e Lei de Normalización Lingüística) e avanzar con cambios legais na dirección da igualdade e da convivencia. Xustamente a dirección contraria á proposta polos que pretenden a imposición do castelán como único idioma con dereitos e deberes para os cidadáns en todo o territorio do Estado.

5.-. Correspóndelle ao pobo galego, a través das súas institucións representantivas, definir a política lingüística acorde co criterio de cooficialidade e de lingua propia que mesmo o actual Estatuto recoñece para o noso idioma. Esperamos o compromiso das institucións de autogoberno na defensa da igualdade plena de dereitos para o galego e na aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos. Neste labor contarán sempre co noso apoio.

6.- Alertamos á sociedade galega para non se deixar confundir e instámola a cavilar sobre a verdadeira situación do galego no propio país.

Defendemos un dereito humano elemental que nos define, ademais, como pobo diferenciado. Debemos ser firmes rexeitando todo posicionamento que persiga recortar dereitos ou retroceder no cativo camiño andado tanto nas administracións públicas, como na vida social.

 

PROMOTORES DO MANIFESTO (POR ORDE DE NOME)

 

Alfonso García Sanmartín (presidente da Asociación Galega de Editores)

Ana Kiro

Avelino Pousa Antelo

Benigno Pereira (presidente da Rede Galega de Empresas)

Bernardino Graña

Carlos Blanco

Carlos Callón (presidente da Mesa pola Normalización Lingüística)

César Portela

Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega)

Eva Castro

Francisco Leiro

Ignacio Vilar

Isaac Alonso Estravís

Jorge Mira

Luís González Tosar (presidente do PEN Clube – Galiza)

Manuel Gallego Jorreto

Manuel Rivas

Marcelino Fernández Mallo

Mercedes Peón

Nemésio Barxa

Teresa Moure

Sole González (presidenta de IRIMIA)

Uxía Senlle

Xoán Costa (presidente da Asociación Socio-Pedagóxica Galega)

Xosé Lastra (presidente de Nova Escola Galega)

Xosé Luís Méndez Ferrín

Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza

Xulia Vaquero

Xurxo Patiño (presidente da Federación Galega de Libreiros)

Yolanda Castaño