marco
Vigo, 24/7/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Desde o 16 de maio manteñen un paro parcial indefinido

A CIG denuncia a situación dos Inspectores de Pesca na Galiza diante das institucións europeas

A central sindicalista nacionalista CIG, con importante representación no sector dos Inspectores de Pesca en Galiza, ven de presentar dúas denuncias diante das institucións europeas pola situación laboral na que se encontran estes traballadores, diante do Comisario de Pesca da Unión Europea, Joe Borg, e do Xefe de Inspectores Comunitarios, Willen Brugge.

Desde o 16 de maio os inspectores de pesca galegos secundan un paro parcial indefinido, polo que só realizan a inspección de pesca marítima en horario de mañá.

Demandan unha mudanza nas súas condicións laborais, horarios, e un incremento do número de persoal que realiza estes labores, xa que cuestións como o control das descargas que se fan nos portos, ou a loita contra a pesca ilegal e control das importacións de peixe, resulta máis que complicado na actual situación.

Inspección de pesca só de mañá

O día 16 de maio de 2008 o colectivo de Inspectores de Pesca Marítima dependentes do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño do goberno español encetou un paro parcial indefinido, convocado pola CIG no ámbito territorial da Galiza, consistente en cumprir o horario que a Administración ten regulado para estes postos de traballo, é dicir, facer a xornada de traballo entre as 07:30 e as 15:30 horas, de luns a venres. Con anterioridade a esa data e dende comezos de 2007, os servizos de Inspección Pesqueira de varias provincias, xa mantiñan esta xornada de traballo sendo nulo o número de inspeccións feitas fóra do horario de mañá. Os servizos mínimos, establecidos pola Administración para este paro, fan referencia a un 10% da actividade habitual de inspección; mais aló destes servizos mínimos, os Inspectores de Pesca Marítima non realizan inspeccións de pesca en horario de tarde, noite ou fin de semana.

O motivo dá convocatoria do paro radica na falta de organización do traballo da Inspección de Pesca que redunda nunha ineficaz actividade inspectora e na vulneración dos dereitos laborais dos funcionarios que ocupan postos de Inspector de Pesca Marítima.

Só após a convocatoria do vixente paro parcial indefinido, a Administración decidiu negociar a regulación horaria. Negociación que actualmente está rota ante a reiterada e tallante negativa da administración a establecer Dispoñibilidade Horaria para o posto de Inspector de Pesca Marítima, baseada no argumento de que é innecesaria para o funcionamento do Servizo.

Esixencias da CIG

Tendo en conta as funcións de control da Comisión Europea sobre a inspección pesqueira dos Estados Membros, a CIG-ADMÓN. PÚBLICA, esixe:

- Que a Comisión valore se é eficaz o control e inspección da pesca baseados en horarios non axustados aos da actividade pesqueira, que non contemplan dispoñibilidade horaria que permita inspeccionar a flota e importacións de peixe con ocasión da súa entrada a porto ou desembarque.

- Que a Comisión comprobe a idoneidade do número de Inspectores de Pesca Marítima de que dispón o estado español na Galiza.

- Que a Comisión verifique se os Inspectores Comunitarios da lista comunicada polo estado español cumpren os requisitos establecidos polo artigo 5 do Regulamento 1042/2006.

- Que a Comisión inspeccione a totalidade do control pesqueiro realizado polo Estado incluíndo as inspeccións realizadas polo persoal da Garda Civil e Armada españolas, que non reciben ningunha misión de inspección comunitaria.

- Que a Comisión, no marco da loita contra a pesca ilegal, verifique o grado de control das importacións de peixe no Estado.

- Que a Comisión avalíe a eficacia e o grado de cumprimento do Programa español de Control do atún vermello e a súa adecuación ao Plano de Recuperación (Regulamento 1559/2007) e ao Plano de Inspección (Decisión 2008/323/CE) desta especie.

- Que a Comisión comprobe o número e calidade das inspeccións pesqueiras feitas polo estado español dende marzo de 2007 e especialmente as realizadas en horario de tarde, noite e fin de semana, dende o 16 de maio de 2008.

Por todo isto, a CIG solicita que se programen á maior brevidade posíbel as visitas de inspección necesarias para comprobar o exposto na presente denuncia e que se adopten as medidas oportunas para asegurar a eficacia do control e inspección pesqueiros en cumprimento da normativa pesqueira e das responsabilidades asumidas polo estado español e a Unión Europea.