Ademais da concentración, representantes dos Comités de Empresa acompañados polo secretario comarcal da CIG, Anxo Noceda, fixeron entrega nos diferentes rexistros dun escrito dirixido aos conselleiros de Traballo, Industria e Política Territorial e ao Presidente da Xunta.
Nese escrito lémbrase que o día 27 de xuño de 2007 o Parlamento de Galiza aprobaba, por unanimidade, unha resolución na que, entre outras cuestións se acordaba reunir toda a información acerca da afección que o actual trazado do TAV Santiago-Ourense tería para a viabilidade da Mina de Serrabal e das plantas de Ferroatlántica en Cee-Dumbría e en Sabón e fundamentalmente, sobre o proxecto de silicio solar. Unha documentación necesaria para o Parlamento poder adoptar unha posición respecto do actual trazado e avaliar, contando con todos os datos, a necesidade ou non de reclamar a súa modificación.
Os traballadores denuncian que, a día de hoxe, o Parlamento de Galiza non conta con toda esa información e que, polo tanto, esta institución “non deu cumprimento desa resolución”. Alén diso, afirman que o Parlamento non dispón dos estudios encargados polo ADIF a Daniel Arias Prieto (1) e que nin sequera saben se tivo acceso a eles o propio goberno galego.
Por iso denuncian que, malia non estar resoltos os termos da resolución parlamentaria, “estase a continuar co proceso expropiatorio e a iniciar os traballos previos nese tramo do trazado do TAV” e que, nin desde o Parlamento nin desde a Xuta de Galiza se demandou a paralización destas actuacións, cando menos até o Parlamento ter ao seu dispor todos os informes e dar cumprimento aos seus propios acordos.
Ademais reiteran que segue a ser perfectamente viábel un cambio de trazado que permita realmente “salvagardar os recursos mineiros existentes en Serrabal, o mantemento dos postos de traballo e o desenvolvemento dos proxectos industriais relacionados co silicio solar”. Xunto a iso, Anxo Noceda, secretario comarcal da CIG de Compostela lembra que houbo un atraso consciente na execución das obras de tres anos, co obxectivo de rebaixar a indemnización que lle correspondería ao titular da concesión da explotación mineira. “Cómpre preguntarse, xa que logo, por que non se empregaron eses máis de tres anos para elaborar un novo trazado, co cal non habería lugar a ningunha indemnización. Aínda máis, de terse modificado o trazado a estas datas non se estaría tomando posesión duns terreos senón que mesmo levaría máis de un ano en construción” afirma. Por iso, desde a CIG acúsase tanto ao Ministerio de Fomento e á Xunta de Galiza de atrasar a propósito as obras do TAV e ao tempo, estar de brazos cruzados durante ese máis de tres anos, sen sequera valorar a posibilidade dun trazado alternativo.
[1] Os títulos dos informes son: “Valoración preliminar de los recursos de cuarzo de la Mina de Serrabal afectados por el trazado de la línea de alta velocidad Ourense-Santiago” (Daniel Arias Prieto 18/03/02 – 18/04/02); “Cubicación y valoración económica de las reservas de la C.E. Serrabal afectadas por el trazado del tren de alta velocidad Ourense-Santiago” (Daniel Arias Prieto 15/04/02 – 30/06/02); “Estudio geológico-minero para definir y valorar las reservas de la concesión de explotación minera Serrabal afectadas por la construcción del corredor norte-noroeste de alta velocidad. Eje: Ourense-Santiago” (Daniel Arias Prieto 06/09/04 – 06/01/05) e Informe pericial sobre la explotación parcial de Mina Serrabal por la construcción del corredor de alta velocidad Ourense-Santiago” (Daniel Arias Prieto 22/06/06 – 22/09/08).