Segundo o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, “até o de agora non moveron un dedo para facer que se cumpra o decreto, a pesar das denuncias reiteradas que desde a nosa asociación e desde outras entidades se fixeron durante o curso pasado”.
“Non é só que non adopten medidas, senón que nin tan sequera cumpren coa súa obriga de informar sobre o nivel de aplicación da norma”, sinala o presidente da Mesa, en alusión tanto ao compromiso público da Consellaría de “transparencia cos datos de cumprimento deste decreto” como ao estabelecido na disposición adicional quinta da norma, que sinala que “con periodicidade anual, despois do final do curso escolar, o Goberno de Galiza avaliará os resultados de aplicación do presente Decreto e desenvolverá regulamentariamente cantas disposicións fosen precisas para o mellor cumprimento e adaptación dos seus obxectivos, a fin de achegarse gradualmente á plena aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias”.
Callón recordou que a situación do galego no ensino é “realmente grave, a pesar do mundo ao revés que queren pintar determinados sectores que teñen como obxectivo a desaparición do galego”. Como exemplo desta situación, está o contundente dato de que o 65% dos rapaces e das rapazas de entre 3 e 6 anos nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol cursan os seus estudos en centros que non cumpren os mínimos deste decreto. Este dato foi proporcionado polos propios colexios á Mesa pola Normalización Lingüística.
A Mesa lémbralle á Consellaría de Educación que “os gobernos responsábeis cumpren as leis” e exíxelle que poña en andamento as medidas longamente reivindicadas pola comunidade educativa: a adopción dun plan de formación lingüística para o profesorado, a implementación de campañas de sensibilización, a promoción dunha guía de recursos en galego para as diferentes materias e tramos educativos, garantir a existencia de material pedagóxico nesta lingua para as diferentes disciplinas etc.