marco
Vigo, 24/9/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Pola negociación do convenio

As traballadoras/es da limpeza da provincia de Ourense irán á folga indefinida a partir do 1 de outubro

No mes de marzo deste ano comezaba a negociación do convenio colectivo de limpeza de edificios e locais da provincia de Ourense, que afecta a máis de 2.000 traballadoras e traballadores. Despois de sete reunións, a última a principios de xuño, non se chegou a ningún acordo nin houbo avanzos significativos. Ante esta situación as traballadoras e traballadores deste sector decidiron convocar folga indefinida no sector desde o 1 de outubro.
Carlos Vázquez, da CIG Servizos de Ourense.

As asembleas de traballadoras e traballadores do sector xa decidiran no pasado mes de xuño, o propio dia 4 e que contaron cunha asistencia masiva e coa decisión case que unánime da totalidade das e dos asistentes, a convocatoria de folga indefinida a partir do mes de outubro, xa que co comezo do curso escolar e co remate das vacacións contarían con moitas e moitos máis efectivos para exercer presión nesta folga.

Asembleas para a próxima semana

O luns 29 de setembro haberá dúas asembleas, convocadas polas tres centrais sindicais, para as quendas de mañá e tarde, para preparar esta folga e comezar a falar do novo contexto que se abre de mobilización e conflito neste novo curso. Serán no local sindical de Ourense, no Parque San Lázaro, ás 11 e 18.30.

Plataforma ambiciosa da CIG

Carlos Vázquez, da CIG Servizos de Ourense, salienta que "a plataforma presentada pola CIG para este convenio é unha plataforma ambiciosa que recolle as demandas das traballadoras e traballadores do sector, sobre todo en medidas de tipo social e tamén na cuestión da necesaria suba do salario".

Demandas do sector

A CIG demanda o recoñecemento do salario integro desde o primeiro dia de IT, incremento dos permisos por motivos de saúde persoal ou de familiares, e mellora das condicións para as traballadoras en caso de embarazo. Tamén demandan maior estabilidade laboral, e que se fixe un 60% de persoal con contratos indefinidos para facer fronte á alta eventualidade, e que as empresas non podan contratar empresas de traballo temporal. En canto ao salario, demandan un incremento salarial lineal para todas as categorías de 50 euros, así como unha cláusula de revisión salarial a partir do IPC prevista.