marco
Vigo, 24/9/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Na imaxe, Tránsito Fernández, secretaria comarcal da CIG Servizos de Vigo.
Contra a impugnación do acordo chegado en maio

Máis de 8.000 traballadoras/es da limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra irán á folga indefinida en outubro

Máis de 8.000 traballadoras e traballadores do servizo de limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra, entre estes os hospitais privados, ambulatorios ou Citroën, están convocadas a unha folga con carácter indefinido para a primeira quincena de outubro, pola impugnación que a patronal realizou do laudo arbitral emitido pola AGA do acordo ao que chegaran as dúas partes o pasado mes de maio, para evitar daquelas a convocatoria de folga prevista.
No centro da imaxe Rosa Acuña, de UGT, Tránsito Fernández da CIG e Violeta Paz, de CCOO, acompañadas doutros membros das centrais sindicais que tamén participaron da mesa de negociación

Nunha rolda de prensa, celebrada no local sindical da CIG de Vigo, María do Tránsito Fernández, secretaria comarcal da CIG Servizos, Rosa María Acuña, da UGT e Violeta Paz, de CCOO, transmitiron aos medios a vontade de convocar esta folga con carácter indefinido, porque "vulnerar un acordo do AGA é moi grave".

A patronal da limpeza impugnou o laudo arbitral emitido por este organismo dependente da Consellaria de Traballo, denunciando este laudo fronte ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. O 18 de setembro estaba previsto que se celebrara o xuízo, que quedou suspendido pola ausencia de avogados da patronal, polo que para as centrais sindicais convocantes desta folga "isto o que é, é unha mostra de que queren trasladar a sinatura do convenio máis alá, e van continuar con esta actitude para dilatar o máis posíbel este proceso". As sindicalistas informaron de que a próxima data para este xuízo será o 9 de outubro "e convocaremos folga antes desta data, porque tanto ten cando se celebre este xuízo, que pode tardar máis de dous meses en sair a sentenza, e aqui o que está en xogo é a dignidade dun colectivo de traballadoras e traballadores, dos que se riu esta patronal".

"Só pararemos cando se asine o convenio acordado en maio"

Tránsito Fernández, secretaria comarcal da CIG Servizos, subliñou que "esta patronal son pior que os gángsters sen palabra, porque asinan un acordo que logo se negan a cumprir. Agora o único que nos vai servir para desconvocar esta folga vai ser a integridade do acordo, non pode haber renegociación nin nada, só imos parar este conflito cando asuman que teñen que asinar o convenio que acordamos en maio".

A suba do salario, en xogo

A principal reivindicación deste convenio colectivo do servizo de limpeza de edificios e locais é unha suba lineal de salario de 150 euros durante os catro anos, asi como a cuarta paga extra. Na actualidade, o salario base dunha traballadora da limpeza de edificios e locais é de 753 euros ao mes.

Esta convocatoria de folga afectará a todos os hospitais privados da provincia, ademais do Hospital do Salnés, grandes centros comerciais, Universidade de Vigoe Pontevedra, o centro vigués de PSA Peugeot Citroen, ao aeroporto de Vigo e aos máis de sesenta ambulatorios da provincia.