A Audiencia Provincial, sen entrar no fondo da cuestión, outórgalle a Eduardo Álvarez practicamente a razón en todas os fundamentos xurídicos de contido procesual que sustentaba no seu recurso de apelación.
O fallo recoñece que, na celebración da vista oral, o denunciado foi privado do dereito fundamental á defensa ao non serlle permitido interrogar nin o denunciante nin a única testemuña de cargo. A sentenza indica que non se lle permitiu tampouco a Eduardo Álvarez o exercicio da última palabra, principio proclamado en todos os procesos penais que se precen de democráticos. O fallo da Audiencia Provincial recoñece tamén que Eduardo Álvarez, ao non ser convocado ao remate da vista oral a asinar a acta tal e como prescriben as normas procesuais, foi privado contra legem das formalidades que garanten o control da documentación xudicial.
O fallo centra a súa atención tamén na posición do Ministerio Fiscal, que impugnou o recurso de apelación, máis preocupado por manter a resolución de condena a Eduardo Álvarez que por defender a legalidade como constitucional e legalmente se lle encomenda.
A sentenza tamén recolle que o denunciado ficou limitado practicamente no xuízo a entregar á xulgadora fotocopias de normas xurídicas e de xurisprudencia, por outro lado totalmente innecesarias e mesmo “impertinentes” porque se presupón que os administradores da Xustiza teñen o deber de coñecer por eles mesmos o ordenamento xurídico (iura novit curia).
Por isto, ao concorrer o quebrantamento de normas procesuais que conducen á efectiva indefensión de Eduardo Álvarez, a Audiencia Provincial declara a nulidade de actuacións, tal e como se pedía no recurso de apelación, e indica que o xuízo oral debe volver celebrarse con todas as garantías propias dun Estado de dereito.
A sentenza foi dada a coñecer o 25 de xaneiro nunha roda de prensa á que asistiron, á parte de Eduardo Álvarez, Paulo Carril, secretario comarcal da CIG de A Coruña, e Pilar García Negro, profesora titular do Departamento de Galego-Portugués da UDC e experta en Dereito Sociolingúistico. Carril e García Negro coincidiron en reclamarlles a diferentes organismos autonómicos, desde o Parlamento até a Secretaría Xeral de Política Lingüística, unha defensa activa dos dereitos lingüísticos dos galegofalantes, especialmente no ámbito xudicial.
“Temos en A Coruña xuíces cunha dubidosa capacidade de xulgar e de aplicar a Lei, cando son eles os primeiros en eludir o seu cumprimento”, asegurou Carril en referencia ao caso de Eduardo Álvarez.
Denunciado por defender os seus dereitos lingüísticos
Eduardo Álvarez fora acusado polo xuíz decano de A Coruña de “inxurias” por unhas declaracións que realizara na prensa o sindicalista, nas que denunciaba a negativa dun xulgado da cidade a notificarlle en galego un auto xudicial, en cuxo selo fedatario figuraba ademais o topónimo ilegal “La Coruña”. Previamente, Fraga Mandián, alén de negarlle os dereitos lingüísticos ao sindicalista, chegara mesmo a manifestar que o emprego de “La Coruña” constituía un mero “erro ortográfico”.
“Din os dicionarios que cínico é quen mente para xustificar unha ilegalidade. Isto é o que está a facer o xuíz decano”. Estas foron as frases literais que lle expresou Eduardo Álvarez a un xornal coruñés na entrevista que orixinou a denuncia de Fraga Mandián contra o sindicalista.