A vista oral por este caso tívose que repetir. Na primeira comparecencia de López Pintos, o xuíz non permitiu que declarasen varias testemuñas propostas pola defensa, o que provocou a indefensión do secretario comarcal, como así recoñeceu a Audiencia Provincial, que anulou a primeira sentenza. Daquela, o sindicalista ferrolán fora condenado a aboar unha multa de 120 euros e a pagarlle unha indemnización de 600 en concepto de “danos morais” ao encargado de “OYC Compostela”, Jesús Álvarez Noya. Mentres, a acusación particular solicitaba até 2.400 euros.
Os feitos polos que foi condenado López Pintos remóntanse ao 14 de marzo do ano pasado, cando un grupo de sindicalistas da CIG, entre eles o secretario comarcal, se presentou nunha obra desta empresa en Mugardos para pedir explicacións polo impagamento dos salarios a catro obreiros portugueses dunha subcontrata. Finalmente e grazas a esta acción da CIG, os catro traballadores estranxeiros puideron percibir os seus cartos e regresar ao país veciño.
“A situación dos catro obreiros era un caso extremo de explotación laboral e de negreirismo”, explica López Pintos. “Actuei máis que como secretario comarcal como persoa solidaria e volvería facer o mesmo”, conclúe.