marco
A Coruña, 25/4/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Varias decenas de empregados/as concentráronse diante do Hospital San Rafael de A Coruña. (24-04-2008)
Os traballadores permaneceron pechados hora e media no Hospital San Rafael (24-04-2008).
RUPTURA DAS NEGOCIACIÓNS DO CONVENIO

O persoal da sanidade privada de A Coruña retoma as protestas cun peche no Hospital San Rafael

A ruptura por parte da patronal das negociacións do convenio colectivo provincial da sanidade privada de A Coruña obrigou os traballadores a retomar as mobilizacións. O 24 de abril, despois de concentrárense diante do Hospital San Rafael, pecháronse por espazo dunha hora e media nas instalacións deste centro médico coruñés.

As negociacións estiveron paralizadas durante grande parte do ano pasado, pese a mediación da directora xeral de Relacións Laborais, Pilar Cancela, que intercedeu no conflito entre os meses de decembro de 2007 e febreiro do presente ano. O bloqueo da negociación provoca que os traballadores aínda se teñan que rexer polo convenio de 2006, o que os obriga a padecer durante máis tempo unha perda constante do seu poder adquisitivo.

Os traballadores e os sindicatos presentes na mesa de negociación (CIG, UGT e CCOO) consideran unha provocación as últimas propostas da patronal, que pasan por incorporar ao novo convenio un código disciplinario, ademais de impor unha modificación substancial da xornada, que obrigaría a realizar até 48 horas á semana.

No apartado salarial, un empregado/a da limpeza percibe actualmente uns 580 euros ao mes, un auxiliar 737 e un enfermeiro/a, 879. Estes salarios contrastan cos dos médicos que exercen a súa profesión nestes centros privados, cuxas nóminas poden chegar aos 6.000 euros mensuais nalgúns casos. “Ademais, a maioría destes médicos tamén traballa no SERGAS”, explica Milton Pérez, un dos representantes da CIG no sector.

As concentracións e demais actos de protesta repetiranse durante todo o mes de maio nos principais hospitais e sanatorios privados da provincia. Os sindicatos non descartan convocar xornadas de folga para os días 4 e 11 de xuño.

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela
Contacta por correo en cig.prensa@galizacig.com
Fontes RSS Logotipo fontes RSS