O resultado do referendo en Irlanda botou por terra a pretensión de todos os gobernos dos estados membros da UE de impor, pola porta de atrás, a fallida Constitución Europea. No seu momento, a CIG fixo unha campaña informativa alertando das consecuencias daquel proxecto constitucional europeo que, tendo o mercado común como obxectivo central consagraba políticas e estratexias ao servizo do capital, reducindo os dereitos da clase traballadora e renunciando a unha Europa social e dos pobos.
Os principais líderes europeos, incluído Zapatero, quixeron explicitar que o Tratado de Lisboa, aprobado o 17 de decembro de 2007, era a “esencia da constitución europea”, pero que esta vez ía ser aprobado por vía parlamentaria, excluíndo a participación cidadá. Tan só en Irlanda, por imperativo constitucional, celebraríase un referendo que, fatalmente para eles, demostrou unha vez máis que sen Europa social e sen Europa dos Pobos, non pode existir un proxecto político común.
O Tratado de Lisboa, que modificaba o Tratado da Unión Europea e o Tratado constitutivo da Comunidade Económica Europea, conta con máis de 250 páxinas e 296 modificacións, contén 26 protocolos e unha morea de declaracións explicativas e anexos que teñen o mesmo valor que os tratados e forman parte deles. Ademais, hai que engadir a Carta de Dereitos Fundamentais e os seus anexos. Deliberadamente apostaron por unha reforma escura e retorcida, extensa e excesivamente técnica que fixera case imposíbel comprender, interpretar e sistematizar artigos, emendas, protocolos e anexos que, porén, estaban destinados a gobernar e influír no día a día das nosas vidas. O resultado do referendo irlandés, rexeitando o Tratado, desvelou este enorme complot sustentado no secretismo e no engano.
Neste Tratado a Unión Europea concíbese como un proxecto neoliberal, punta de lanza da mundialización capitalista e sucursal do hexemonismo estadounidense até o punto de que a nova formulación da OTAN sinala que esta “organización continúa a ser o fundamento da súa defensa colectiva (de Europa) e a instancia apropiada a concretizar”.
Así concibida, a Unión Europea é basicamente un proxecto económico ao servizo do capital, que absorbe cada vez máis competencias para protección das multinacionais, que aumenta as desigualdades, que desmantela a protección social, que procura a división e competencia entre si das clases traballadoras das distintas nacións integradas na Unión para anular os dereitos laborais históricos, que declara e consagra a integridade territorial dos actuais estados membros, que recorta as liberdades e que ten un crecente carácter militarista.