A Fiscalía pide que o sindicalista indemnice con 6.000 euros a Fraga Mandián en concepto de “danos morais”, ademais de ter que pagar unha multa de 200 euros pola presunta comisión de dúas faltas (falta de respecto á autoridade e inxurias). A acusación particular solicita a Eduardo Álvarez unha indemnización de 10.000 euros e o abono dunha multa de 1.200 euros, de novo pola presunta comisión das faltas anteriormente referidas.
Denunciado por reclamar os seus dereitos lingüísticos
Eduardo Álvarez, que proclama a súa inocencia ante as faltas que lle imputan, foi denunciado por Fraga Mandián por unhas declaracións que realizara nun xornal local o sindicalista, nas que denunciaba a negativa dun xulgado da cidade a lle notificar en galego un auto xudicial, en cuxo selo fedatario figuraba, ademais, o topónimo ilegal “La Coruña”. Previamente Fraga Mandián, á parte de xustificar a conculcación dos dereitos lingüísticos ao sindicalista, chegara mesmo a lle manifestar que o emprego de “La Coruña” constituía un mero “erro ortográfico”.
“Din os dicionarios que cínico é quen mente para xustificar unha ilegalidade. Isto é o que está a facer o xuíz decano”. Estas foron as frases literais que lle expresou Eduardo Álvarez a un xornal coruñés na entrevista que orixinou a denuncia de Fraga Mandián contra o sindicalista.
A vista repetiuse esta mañá despois de que a Audiencia Provincial declarase nulo o xuízo en que Eduardo Álvarez fora condenado a indemnizar con 5.000 euros o xuíz-decano da cidade en concepto de “danos morais” por unhas supostas inxurias contra este, ademais de ter que pagar unha multa de 200 euros. A Audiencia Provincial ordenou repetir a vista oral pois o sindicalista, que exercera a autodefensa, fora privado, entre outras cuestións, dos dereitos á última palabra e de interrogar o denunciante e a testemuña da acusación.
Enlaces relacionados:
Eduardo Álvarez é condenado a pagar 200 euros de multa e 5.000 de indemnización
Eduardo Álvarez denuncia indefensión e parcialidade da Xustiza española no seu caso
Órganos xudiciais coruñeses conculcan os dereitos lingüísticos dos galegofalantes
Declaracións de Antonio Fraga Mandián a unha emisora en relación co topónimo coruñés