marco
Compostela, 25/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Manifestación, xoves 26 de xuño, ás 11:30 horas, na Praza do Obradoiro

O persoal do concello de Santiago mobilízase contra a precarización laboral

Os delegados sindicais de todos os sindicatos con representación na Xunta de Persoal funcionario e Comité de Empresa do persoal laboral do Concello de Santiago, xunto co persoal municipal libre de servizo ou na súa pausa regulamentaria, veñen de convocar unha manifestación na Praza do Obradoiro para este xoves, día 26 de xuño, ás 11,30 horas.

Nota de prensa conxunta remitida polas organizacións sindicais con representación na Xunta de Persoal e no Comité de Empresa

1.- A precarización do emprego municipal.

O pasado xoves día 12 de xuño, ás 13,00 horas, foi convocada a Mesa Xeral de Negociación do Concello de Santiago para o día seguinte, venres 13 de xuño, ás 9,00 horas. Na convocatoria de Mesa Xeral incluíuse como único asunto da orde do día o cadro de persoal municipal para o 2008.

Tal e como ven sendo habitual nos últimos anos, a proposta do goberno municipal parte do criterio de aplicación da taxa de reposición de efectivos, segundo a cal o cadro de persoal non se pode incrementar no número de prazas, limitándose a cubrir as baixas que se producen cada ano.

O criterio reiterado polo goberno municipal no tocante á aplicación desta taxa, e o de suprimir prazas fixas dos grupos inferiores (uxieres, peóns, oficiais, auxiliares, etc…) cambiándoas por outras de maior titulación, prescindindo de prazas de persoal de servizos básicos, para convertilas en prazas eminentemente burocráticas. Ven sendo tamén habitual que, unha vez aprobado o cadro de persoal, se proceda á contratación en precario de prazas que antes se suprimiron, ou recorrer a contratacións desta man de obra a través de empresas concesionarias, evitando así a aplicación do convenio colectivo do Concello a este persoal, incurrindo claramente nunha concertación ilegal de traballadores.

Como consecuencia da aplicación destes criterios, veñen sendo frecuentes as sentenzas do xulgado do social que declaran fraude de lei unha parte importante das contratacións de persoal municipal (13 no último ano).

2.- A promoción á dedo de determinados postos de traballo.

Igualmente, na proposta de cadro de persoal para o 2008, inclúense unha serie de propostas de reclasificación de niveis de determinados postos de traballo, que tamén continúan a liña da promoción persoal e á carta de determinados postos, fora da negociación colectiva, que tamén ven sendo habitual nos últimos anos.

Esta promoción á carta responde exclusivamente a criterios de afinidade persoal ou política, afastándose na súa selección dos principios de gualdade, mérito e capacidade. Así estanse a crear ano tras ano ao libre albedrío xefaturas de área, servizo ou sección, sen que respondan en absoluto a criterios de racionalidade ou eficacia, nin se vexa por ningún lado unha repercusión positiva no funcionamento da administración ou os servizos municipais, cada vez máis afogados economicamente con este tipo de decisións.

3.- O crecemento dos órganos de goberno.

No cadro de persoal para 2008, o goberno crea unha nova escala de persoal directivo dos órganos de goberno, e ven a sumar 6 novos postos de director de área aos dous xa existentes, clasificados no grupo A1, e nivel 30 de complemento de destino, prazas que implican incremento no cadro de persoal, por entender que non están afectadas pola taxa de reposición.

Estas novas prazas veñen a configurar un “staf” para os órganos de goberno no que, amais do Alcalde e 16 concelleiros con dedicación exclusiva, figuran 8 direccións de área, 1 xefe de gabinete da Alcaldía, 1 xefe de gabinete da Tenencia de Alcaldía, 14 asesores, 10 administrativos e 4 auxiliares administrativos. Este organigrama, no que se inclúen 55 persoas, implica un custo anual para o Concello de 3.316.000 €/ano. No cadro de persoal municipal figuran tamén 11 xefaturas de servizo, a proveer por libre designación.

Este plantel non resiste ningunha comparación con ningún outro goberno municipal dos grandes concellos galegos, nin con moitos de grandes cidades capitais de provincia do Estado que, con bastante menos custo, acadan unha xestión bastante máis eficaz.

Esta propostas do goberno municipal contrastan amplamente coas consignas emanadas dende o Goberno do Estado polo presidente Zapatero, no sentido de conxelar o custo dos altos cargos, como medida de contención do gasto público ante a crise económica que se nos anuncia.

4.- Sin noticias da Reforma Administrativa.

A todo isto, seguimos á espera de saber en que consiste a chamada reforma administrativa tanta veces anunciada polo goberno municipal, pois ata a data non temos noticias de que, dende a Concellería de Réxime Interior se estea a facer nada neste sentido, mentres seguen sen definirse os procedementos de xestión, as atribucións que lles corresponden a cada area, servizo ou sección, nin as competencias ou funcións de cada posto de traballo da estrutura organizativa municipal.

5.- Incumprimento dos acordos retributivos da Mesa de Negociación.

Mentres tanto, a Concelleira Delegada de Réxime Interior ven de anunciarnos que este ano tamén imos ter problemas para que se cumpra o acordo retributivo aprobado na Mesa de Negociación para o conxunto do persoal municipal, polo que será complicado que poidamos recibir a compensación pola desviación do IPC do 2007 ou conseguir as pagas extraordinarias íntegras no ano 2010.

6.- Vulneración do dereito á negociación colectiva.

Previa a aprobación dos orzamentos ordinarios do Concello, o artigo 37 da Lei 7/2007 do Estatuto Básico do Empregado Público establece que, amais do cadro de persoal, deberán ser obxecto de negociación cos sindicatos os plans e fondos para a formación e a promoción interna, os criterios xerais de acción social, os fondos para prevención de riscos laborais, a determinación e aplicación das retribucións complementarias, os criterios xerais sobre ofertas de emprego público, así como os criterios xerais sobre a planificación estratéxica dos recursos humanos, naqueles aspectos que afecten a condicións de traballo dos empregados públicos. Malia esta esixencia legal, na convocatoria de Mesa Xeral de Negociación do Concello so se incluíu o cadro de persoal, como queda dito, vulnerando claramente o dereito á negociación colectiva proclamado na Constitución, polo que nos veremos obrigados a demandar a preceptiva reparación pola vía das alegacións aos orzamentos (o que sen dúbida adiará aínda máis a súa aprobación definitiva) e pola vía contencioso-administrativa, mediante a impugnación do capítulo I de gastos de persoal.

Polos motivos expostos, os delegados sindicais do Concello, xunto co persoal municipal libre de servizo ou na súa pausa regulamentaria, manifestaranse na Praza do Obradoiro o próximo xoves, día 26 de xuño, ás 11,30 horas, expresando o seu rexeite a estas políticas precarizadoras do emprego, privatizadoras dos servizos públicos e contrarias á liberdade sindical, que se concreta na negación do dereito á negociación colectiva.
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela
Contacta por correo en cig.prensa@galizacig.com
Fontes RSS Logotipo fontes RSS