Rafa Iglesias, secretario comarcal da CIG de Pontevedra, acompañado dos tres delegados da CIG no Comité de Empresa de Treves, deu a coñecer o posicionamento contrario dos traballadores desta factoría, empresa auxiliar de Citroen, fronte á proposta de empresa dun expediente de regulación de emprego proposto para o período que vai do 23 de xuño ao 27, para os centros de traballo da Avenida de Vigo, no que severían afectados por este ERE 170 dos 178 traballadores, e para o do polígono do Campiño, no que estarían afectados 207 dos 229 traballadores.
Os "supostos" motivos da empresa
Os motivos que alega a dirección da empresa é que teñen 10 días de stock, de asentos e moqueta, que sobre todo afecta ao traballo que se realiza no Campiño. Teóricamente Citroën ia parar 25, 26 e 27 de xuño, polo descenso da venda de automóbiles, mais polo peche da patronal do transporte de comezos de xuño, fixo que ese paro xa non se efectúe, porque xa se efectuou antes polo paro do transporte.
Desde o Comité de Empresa ofertaron a posibilidade de negociar flexibilidade laboral en función de incentivos, pero a empresa se nega a negociar. Rafa Iglesias sinalou que "do stock de 10 días, nós calculamos que o 70% non é de produción do Campiño senón foráneo, de Portugal, de Marrocos e doutro centro de traballo que hai en Valladolid".
Citroën xa non para
Ademais, Iglesias engade que a previsión de que Citroën ía parar xa non se da, e "a empresa parou cinco días unilateralmente, porque xa se rexeitara outra proposta de expediente de regulación de emprego que fixera daquelas, e quere deste xeito descontarnos eses días agora".
O secretario comarcal de Pontevedra agarda que a Administración rexeite o ere, porque vai depender do informe que realice a Inspección de Traballo e do ditame da Consellaria de Traballo.
Mobilizacións se se aproba o ERE
Se fora aceitado, Iglesias advirte que "nós como traballadores defenderiamos os nosos postos de traballo, mobilizariamonos e convocariamos concentracións diante da Inspección de Traballo e da Consellaria de Traballo en Vigo".
David Couñado, presidente do Comité de Empresa, entende que "esta situación coa que nos encontramos débese á mala organización da dirección da empresa, e polo tanto, non teñen porque pagar as consecuencias os traballadores. Treves é unha empresa multinacional solvente e con beneficios".
Couñado rematou subliñando que "queremos negociar este conflito porque non queremos vernos así cada pouco, e cremos que a empresa non pode apostar por esta fórmula dos expedientes de regulación de emprego".